A candidatura do xeodestino Costa da Morte como
'World Surfing Reserve' avanza coa superación da primeira fase do proceso
selectivo que desenvolve a ONG, Save the Waves Coalition. Así o manifestou na
praia de Razo, en Carballo, o vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé
Regueira, que transmitiu a satisfacción do Grupo promotor ao considerar que a
proposta está agora moito máis preto de conseguir a declaración como Reserva
Mundial do Surf. No acto participaron os alcaldes de Carballo e A Laracha,
Evencio Ferrero e José Manuel Varela.
A praia de Razo, un dos espazos de referencia do
surf na Costa da Morte, foi o lugar elixido para dar unha noticia de especial
impacto no camiño da declaración do xeodestino como Reserva Mundial do
Surf. "Cumpríronse as
mellores previsións", destacou o vicepresidente da Deputación da Coruña,
Xosé Regueira, na intervención na que deu conta da resolución de "Save the
Waves Coallition" de estimar a candidatura da Costa da Morte superando a
primeira das fases do proceso para o seu recoñecemento.
"Este acontecemento, que é unha extraordinaria e
case inesperada noticia na primeira vez que se presenta a candidatura, é
resultado do traballo colectivo entre o sector e as administracións e grazas a
esa implicación conseguimos superar o primeiro corte e demostrar que cumprimos
os requisitos para que a nosa opción sexa tida en conta", explicou Xosé
Regueira dunha noticia que abre un novo periodo de traballo que concluirá coa
presentación da candidatura final antes de fin de ano.
Na rolda de prensa na propia praia de Razo, o
vicepresidente da Deputación anunciou tamén a intención de declarar a Costa da
Morte como Reserva Local de Surf como mecanismo para preservar as ondas, sumar
alianzas do tecido social e demostrar a sensibilización coa conservación do
medio e o crecemento sostíbel. Á beira da sede da escola de surf máis antiga do
Estado pertencente a un sector que está a gañar forzas no territorio, con
areais identificados e recoñecidos pola xente do surf nos que o mar responde
con ondas que fan óptimo para o deporte todos os días do ano, Xosé Regueira
destacou as fortalezas da Costa da Morte nesta carreira que comeza agora e que,
segundo anunciou, continuará co obxectivo de conseguir a declaración oficial.
A Deputación da Coruña impulsou a creación do
grupo promotor do proxecto no que participan representantes de diversos
organismos e entidades do sector. O recoñecemento ten como obxectivos sentar as
bases para lograr o impulso do surf na Costa da Morte a través da protección e
posta en valor das ondas e avanzar
no artellamento dun modelo de desenvolvemento sostible arredor do surf. De
conseguir a Declaración, Costa da Morte pasaría a ser a Reserva Mundial de Surf
número doce do mundo, sendo a demais a primeira do Estado español, e a segunda
de Europa.
A primeira fase do proxecto finaliza así
felizmente ao superar a barreira que establece "Save the Waves" e que
sitúa á Costa da Morte moito máis cerca de ser considerada Reserva Mundial de
Surf. A declaración supón importantes beneficios para os territorios tanto na
atracción de turismo como na sostibilidade da zona.
"Save the Waves" estimou a Carta de
Candidatura de Costa da Morte como Reserva Mundial de Surf que presentaba as
fortalezas da Costa da Morte nos catro bloques de contidos establecidos: a
calidade e consistencia das ondas, a cultura e historia do surf no territorio,
as características ambientais únicas do medio e o apoio local á candidatura,
para o cal se ten constituído o Grupo Promotor, que integra representantes de
organismos públicos e grupos de interese sectoriais .
O documento agora avalado por "Save the
Waves" é o resultado dun
ambicioso traballo que se desenvolveu durante meses no que se presentaban os
principais valores do territorio e o apoio local á declaración.
A candidatura busca impulsar a práctica do surf
na Costa da Morte, a través da protección e posta en valor das ondas ademais de
avanzar nun modelo de desenvolvemento sostible arredor do surf. Coa declaración,
a Costa da Morte convertiríase na segunda Reserva Mundial de Surf declarada en
Europa, tras da portuguesa Ericeira, e na doceava a nivel mundial. Departamento de comunicación