OURENSE | En
vésperas de celebrar o seu cuarto de século, o Ourense Film Festival
(OUFF) presenta o programa da súa 24ª edición, que consolida o feito de
que se trata dun “festival que pon en valor a Ourense, o que nos é
próximo, e as liñas argumentais do festival de cinema de Galicia”. Así o
destacou Manuel Baltar, presidente da Deputación de Ourense, no acto de
presentación do Ourense Film Festival 2019, ao que tamén asistiron Anxo
Lorenzo, director xeral de Políticas Culturais da Xunta de Galicia;
Mateo Alonso, representante institucional de Abanca, e Miguel Anxo
Fernández, coordinador artístico do OUFF.
O
presidente do goberno provincial dixo que o OUFF pon en valor a
cartelería do festival como representación artística a través de
Alexandro -quen firma o cartel do ciclo Cine e Auga-, e resaltou a
vinculación da auga e do termalismo e o seu protagonismo na provincia
coa arte do cine. Ademais, salientou a importancia de que o certame
destaque as rutas turísticas polos escenarios de cine da provincia de
Ourense, así como os vencellos coa hostalería e empresas locais “para
vivir o festival dende una perspectiva integramente ourensá”. “Son os
pilares –dixo Baltar- de acción do OUFF”.
Segundo
palabras do presidente da Deputación a estes alicerces “súmanse unha
perspectiva social” -o OUFF ven de firmar un acordo de colaboración con
Unicef- e “un eixo fundamental é facer do festival un lugar de encontro
do audiovisual galego”, expresou. O
Ourense Film Festival é “o único festival de Galicia con sección
competitiva en longametraxes” - sinalou Baltar- pero tamén o único que
conta con “exposicións e publicacións de produción propia que completan
as actividades paralelas que xunto ás proxeccións a competición e ciclos
temáticos conforman o programa do OUFF”.
Miguel
Anxo Fernández, coordinador artístico do OUFF, salientou o modelo de
festival do OUFF: “Un festival para a provincia, para a cidade e para o
país”, no que destacou un programa complexo e variado “que implique á
sociedade ourensá cunha oferta para todos e para todas”.
Novidades: OUFF transmedia e área formativa
Entre
as novidades da programación do OUFF 2019 destaca a incorporación de
videoclips a competición, a incorporación da ficción televisiva dentro
da sección OUFF Transmedia (coas estreas de Pasaporte Galego adicado a
Luis Tosar e que foi gravado en parte no OUFF 2018 durante a entrega do
Premio Ourense ao actor; e Desaparecidos, a nova serie de Juan
Echanove).
Un
programa completo, aínda sen pechar, no que ten cabida unha potente
área formativa no que destaca o diálogo entre o director Oliver Laxe e a
produtora Emma Lustres, de Vaca Films, que terá lugar o vindeiro 29 de
setembro, e referencias a grandes cineastas vinculados á provincia como
Chano Piñeiro, autores como Eduardo Blanco Amor e emprendores como
Eduardo Barreiros. Como novidade este ano, concédese o premio Barreiros á
ópera prima “Viaje al cuarto de una madre”.
O
OUFF é un festival de referencia que encara a súa 24 edición coa vista
posta xa no seu cuarto de século. Así o destacou Anxo Lorenzo, director
xeral de Políticas Culturais, que sinalou “para nós é o que debe de ser o
festival de referencia de Galicia polo seu substrato, a súa historia e
pola rede que se foi creando ao seu redor”. Un festival referencial
dende unha dobre perspectiva: a cultural, pola súa extensa programación,
e a turística porque “é un festival que ten esa parte de atracción
turística” pola dinamización socieconómica da cidade e a provincia
ademais da inclusión dos roteiros de cinema polos escenarios de cine da
provincia (unha das novidades incorporadas ao programa desta edición).
Neste
carácter singular do OUFF 2019 tamén coincidiu Mateo Alonso,
representante institucional de Abanca: “É un evento que converte Ourense
en cidade de cine”, salientando “o papel dinamizador”, do festival. O
OUFF reivindicase como un festival diferente, “a festa da cultura máis
alá das fronteiras da cidade”, así o sinala o seu coordinador artístico,
quen remarcou: “Este é noso festival, a nosa forma de poñer o foco en
Ourense”. Máis información