LUGO | O estudo de avaliación do impacto do
Festival 17º Ribeira Sacra cifra en preto de 500.000 euros o retorno
económico do festival en toda a súa zona de influencia, segundo os datos
que foron presentados hoxe en Lugo. A Consellería de Cultura e Turismo
está a impulsar a elaboración destes informes socioeconómicos nos
eventos patrocinados pola Xunta baixo a marca FEST Galicia, que botou a
andar no verán de 2018 co obxectivo de promover a nosa Comunidade como
destino musical baixo criterios de calidade, sustentabilidade e
responsabilidade social.
Como explicaron o director da Axencia
Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, e o delegado
territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, da realización
destes estudos encárgase o Grupo de Investigación en Economía da Cultura
da Universidade de Santiago de Compostela (USC), co apoio do Goberno
galego. No caso do Festival 17º Ribeira Sacra, que celebrou a súa
terceira edición do 18 ao 20 de xullo en distintas localizacións de
Monforte de Lemos, Sober e Chantada; e os días 26 e 27 en Castro
Caldelas, Ribas de Sil e Nogueira de Ramuín; os resultados foron obtidos
a partir de 815 enquisas directas a asistentes e das cifras facilitadas
polo propio festival. O seu director, Carlos Montilla, interveu tamén
na presentación, xunto ao codirector deste traballo, Fran Núñez, autor
así mesmo da súa metodoloxía orixinal.
Motor cultural, económico e turístico
Para
o responsable da Agadic, o estudo achega datos moi útiles para difundir
o valor dos festivais de música como motores culturais, económicos e
turísticos das súas comarcas. Entre eles, a contabilización de 3.500
visitas (unhas 1.600 persoas diferentes) nesta edición do 17º Ribeira
Sacra, das que un 21% proceden de fóra de Galicia, cun gasto medio por
persoa e día estimado en 77 euros (sen incluír transporte).
Detallou
tamén que o retorno do impacto económico se sitúa en 2,5 euros por cada
euro investido polo festival, subliñando que esta contía se incrementa
notablemente ao analizar a optimización do investimento público por
parte da organización do evento. Neste caso, as marxes flutúan entre
13,4 e 16,2 euros por cada euro dos 21.136 adxudicados ao Festival 17º
Ribeira Sacra a través da última convocatoria de subvencións da Xunta a
festivais de música.
Puntuación global de 8,2 e perfil de asistente
Entre
outros datos salientables está a valoración do público, que puntúa esta
última edición cun 8,2 sobre 10 e, en concreto, outorga notas próximas
ou por riba dos 9 puntos a cuestións como a localización e integración
na contorna, o trato do persoal, a sensación de seguridade ou o
mantemento dos espazos. Estas elevadas marcas esténdense aos intanxibles
e ao impacto social: mellora o nivel cultural das persoas asistentes
(8,20), mellora o coñecemento da localidade (89,16) e a súa imaxe
(8,97), xera impacto económico (8,93), atrae turismo (9,13) e favorece o
orgullo local (8,70).
Ao referirse ao perfil de asistente máis
común (muller, galega, de entre 35 e 44 anos, con estudos
universitarios, traballadora por conta allea e que acude en grupo con
dúas persoas), Jacobo Sutil incidiu en que o Festival 17º Ribeira Sacra
se revela como motor turístico para toda a zona. “Un punto que desde a
Xunta de Galicia valoramos especialmente xa que a Ribeira Sacra será o
vindeiro 2021 a candidata de España a ser incluída na lista do
Patrimonio Mundial da UNESCO”, expresou.
Na presentación
explicouse así mesmo o sistema de medición empregado: Avaliación 360º,
unha metodoloxía pioneira e orixinal, que Fran Núñez desenvolveu na súa
tese de doutoramento e que se explica nun manual editado pola Agadic.
Grazas a el, os resultados poden extraerse cunha gran rapidez,
minuciosidade e rigorosidade académica.
Transversalidade
Como
no resto dos festivais estudados, o grupo de traballo da USC formou
parte do equipo de FEST Galicia desprazado á Ribeira Sacra, onde a marca
contou cun stand propio desde o que se difundiron campañas de
concienciación da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, a
Consellería de Política Social, a Secretaría Xeral da Igualdade e a
Consellería de Cultura e Turismo, que coordina todas as accións. A súa
implicación directa dá conta do carácter transversal desta iniciativa, a
través da que este ano se patrocinan 12 festivais de toda Galicia.
Neste caso, deuse soporte, ademais, ao escenario FEST Galicia instalado
no Parador de Monforte e ás pulseiras que se empregaron para acceder ao
recinto.
O informe do Festival 17º Ribeira Sacra enmárcase na
segunda quenda de estudos de impacto ao abeiro de FEST Galicia, que xa
en 2018 recolleu datos do Sinsal, PortAmérica, Revenidas, SonRías Baixas
e Resurrection. Este verán sumáronse tamén o Vive Nigrán, o Atlantic
Fest, o Festival de la Luz, o WOS Festival e o Caudal Fest, celebrado
precisamente esta pasada fin de semana en Lugo e co que rematou o
calendario de festivais adheridos á marca da Xunta para a temporada de
2019.