A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda declarará a
emerxencia cinexética temporal en catro áreas galegas que agrupan máis
dunha trintena de concellos galegos. Así o adiantou esta mañá a
directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, durante unha
rolda de prensa sobre o plan de medidas de control do xabaril, quen
aclarou que esta medida abarca a 33 municipios, 76 tecores (terreos
cinexéticamente ordenados) e 10 zonas libres, é dicir, case un 42% da
superficie de Galicia, que representa un total de 481.170 ha. As
comarcas nas que se declarará esta situación son: Betanzos- Eume, Terra
Chá, Viana e Deza.
A directora xeral sinalou que se trata dunha
decisión que adopta o Goberno galego tras constatar a existencia de
danos ocasionados á agricultura, coa que se permite abater ou capturar
exemplares de xabaril sen límites de cupo de ambos sexos, durante o
período hábil de caza, que abranguerá ata o 29 de febreiro de 2020.
Belén
do Campo sinalou que o Decreto 284/2001, do 6 de novembro, polo que se
aproba o Regulamento de Caza de Galicia, prevé que cando nunha comarca
exista unha determinada especie cinexética que resulte perigosa para as
persoas ou prexudicial para a agricultura, a gandería, os montes ou a
propia caza, poderá declararse como zona de emerxencia cinexética
temporal, e determinarse as épocas e medidas conducentes a eliminar o
risco e reducir o tamaño das poboacións.
Do Campo aclarou que,
dada a situación actual, e co fin de incrementar a efectividade no
control sobre as poboacións do xabaril outra das medidas previstas pola
Xunta será a modificación da normativa actual (Lei de caza), de xeito
que se poda autorizar a caza mediante outras modalidades que se adoitan a
empregar na caza menor, como a caza “en man” ou “ao salto”; ao tempo
que tamén se modifica a Resolución Anual de Vedas, que se publicará no
Diario Oficial de Galicia do vindeiro día 2 de outubro, co obxectivo de
que en todos os concellos da Comunidade as autorizacións de caza por
danos se realicen de xeito inmediato e así dar unha solución á situación
que está a provocar esta especie, cada vez máis habitual nas zonas
periurbanas.
Belén do Campo explicou que a Xunta toma esta
decisión tendo en conta os datos que reflicten unha sobrepresenza de
xabaril na Comunidade, pois ata a data se teñen comunicados 3.907 avisos
(a través do 112) por danos de xabaril, se abateron 16.108 exemplares
(dentro da tempada hábil e derivadas de accións por danos), se
autorizaron 31.724 cacerías e provocaron 1.805 accidentes de tráfico,
segundo as cifras reportadas pola Dirección Xeral de Tráfico a
principios de setembro.
Medidas nas áreas de emerxencia cinexética
Así,
a directora xeral explicou que nos terreos cinexéticos permitirase a
caza durante todos os días da semana, salvo nas zonas libres nas que se
especifican certas salvedades no relativo aos días permitidos: así no
período que abrangue ata o 6 de xaneiro de 2020, poderán realizarse
cazarías de xabaril o luns, martes, mércores, venres e sábados, sempre
que non sexan festivos; e desde o 7 de xaneiro ao 29 de febreiro de
2020, ambos incluídos, poderán efectuarse cacerías os luns, martes,
mércores e venres, sempre que non sexan festivos.
En ambos casos
deberán realizar unha comunicación previa á correspondente Xefatura
Territorial cunha antelación mínima de 10 días naturais. Asemade, os
tecores só deberán comunicar as cacerías correspondentes a aquelas
xornadas que non estean aprobadas no seu plan anual de aproveitamento da
tempada 2019/2020.
Tamén se autorizan medidas de agarda ou
espera, de xeito que se poderán agrupar varias xornadas nunha soa
comunicación. De xeito excepcional, poderase empregar un visor
convencional óptico de aumento durante as prácticas nocturnas e fontes
luminosas para a iluminación dos albos ou pezas de caza. Outras das
medidas que se habilita con esta situación é que se autoriza aos
propietarios dos terreos afectados a realizar, persoalmente ou mediante
terceiros, agardas ou esperas, con autorización do titular do
aproveitamento cinexético; e se permitirá a captura de exemplares
mediante o emprego de gaiolas.
Esta medida tamén será autorizada
para os terreos non cinexéticos e, no caso de que non sexan efectivas,
permitiranse esperas, previa solicitude do interesado e sempre que se
acredite a existencia de danos. En todos os casos, os exemplares
capturados mediante a aplicación destas medidas nas áreas de emerxencia
cinexética temporal deberán identificarse mediante precintos e
comunicarse á correspondente Xefatura Territorial no prazo de 15 días.
Implicación das administracións
A
directora xeral destacou unha vez máis a necesidade de que os concellos
e as deputacións provinciais se impliquen nas medidas informativas e
preventivas de xestión da biomasa forestal e de control das zona de
maleza, unha colaboración que recordaremos novamente a través da
Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), reiterou a
directora.
Lembrou que as zonas de maleza incontroladas son
idóneas para a cría e o asentamento dos xabarís, pois atopan refuxio e,
en ocasións, están moi preto de zonas de produción agrícola ou urbanas o
que propicia a súa incursión na procura de alimento.
A directora
xeral reiterou unha vez máis a necesidade de que o Goberno do Estado
poña en marcha canto antes a Comisión de seguimento do xabaril, xa que
non é unha situación que afecte exclusivamente a Galicia, co fin de
facer un seguimento continuado e fixar uns criterios uniformes e claros
para a elaboración dun estudo poboacional e establecer medidas conxuntas
e globais que palien a presenza desta especie.
Por último,
recordou que o impulso a esta Comisión xa foi solicitado pola
conselleira de Medio Ambiente a través dunha carta dirixida á ministra
de Transición Ecolóxica, e engadiu que tamén se lle trasladou a
necesidade de habilitar fondos para facer fronte a posibles casos de
peste porcina africana -que xa se teñen detectado en Europa-, ao tempo
que de darse o caso de constatar a presenza de exemplares afectados pola
peste porcina africana, solicitaríase a colaboración do Exército que-
xunto coa Federación Galega de Caza- poderán formar grupos de cazadores
especializados para levar a cabo medidas preventivas e de control da
poboación do xabaril.