LUGO | A Consellería de Economía, Emprego e
Industria destinou 3,4 millóns de euros (3.465.380 euros) a 33
empresas forestais da provincia de Lugo a través dun programa de axudas
para mellorar a competitividade do sector.
O delegado territorial
da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, deu conta hoxe da resolución
pola que se conceden achegas a microempresas e pequenas e medianas
empresas do sector para os investimentos realizados en zonas rurais en
tecnoloxías forestais, e procesamento, mobilización e comercialización
de produtos. O investimento subvencionable declarado polas 33 empresas
lucenses beneficiarias ascende a 9,2 millóns de euros (9.256.958 euros),
e a porcentaxe media da axuda ronda o 40%.
As empresas investiron
na modernización das instalacións e dos medios de produción. Así, entre
as actuacións subvencionadas destaca a compra de equipamento
-adquisición de 8 autocargadores, 11 procesadoras de madeira e 6
cabezais taladores, entre outros- e acondicionamento das instalacións,
como a mellora da protección contra incendios, a construción dun parque
de almacenamento de madeira, ou a incorporación dun novo sistema
automático de pesada.
Polo que respecta á distribución por
comarcas, 19 empresas están situadas na Mariña, que actualmente é a
comarca lucense con maior superficie forestal destinada ao
aproveitamento madeireiro e con maior volume de cortas. Suman preto de 2
millóns de euros en axudas e de 5,3 millóns de investimento
subvencionable.
Nas comarcas da Terra Chá e Meira hai sete
empresas beneficiarias; suman 1 millón de euros en axudas para un
investimento realizado de 2,8 millóns. Seis empresas máis son da comarca
de Lugo, con axudas que ascenden a 417.000 euros para un investimento
de 1 millón de euros. Por último, da zona Sur hai unha empresa, que
conta cunha axuda de 48.800 euros para un investimento de 122.000 euros.
O
delegado subliñou que estas axudas son xestionadas pola Axencia Galega
da Industria Forestal, un instrumento creado hai dous anos para impulsar
o sector e facelo máis competitivo a través da innovación e a
diversificación. Ao respecto, Balseiro destacou o peso que ten o
sector forestal na provincia, que xera 3.000 empregos directos e 7.000
indirectos; no que vai de ano rexistráronse 2,9 millóns de metros
cúbicos de madeira cortada nos montes de Lugo.