A CORUÑA | O delegado territorial da Xunta na
Coruña, Ovidio Rodeiro, mantivo hoxe unha reunión con
representantes da Asociación Ingada, unha das beneficiarias do programa O
Teu Xacobeo. Esta entidade recibiu unha achega de máis de 4.000 euros
para organizar o V Camino da Diversidade, o Gran Camiño, proxecto que
terá lugar o vindeiro 12 de outubro cunha camiñada para pór en valor a
diversidade e o compañeirismo e que sairá desde Escravitude a Santiago
de Compostela.
Ovidio Rodeiro subliñou que O Teu Xacobeo
representa o carácter participativo, descentralizado e sustentable dun
Ano Santo no que a cidadanía é a protagonista, xa que son os encargados
de difundir os valores do Camiño de Santiago por toda Galicia. Na
comarca de A Coruña, O teu Xacobeo vai desenvolver 16 proxectos cunha
subvención de 250.000 euros. Ademais, este programa contempla outras 54
actividades itinerantes que percorrerán varios concellos de Galicia que
contan cun apoio da Consellería de Cultura de máis 793.000 euros. Na
totalidade provincia da Coruña esta cifra ascende a 1,6 millóns de euros
para organizar 171 actividades desde 2019 e ata abril do 2020
Concretamente,
nesta área, O teu Xacobeo impulsa o proxecto A Coruña, porto do camiño,
coordinado polo Consorcio de Turismo que incluíu o vídeo mapping
realizado en xuño sobre a Torre de Hércules con motivo do X aniversario
da súa declaración como Patrimonio Mundial e a gravación do videoclip
Teu Camiñar protagonizado pola irmá de John Lennon, entre outras
actividades de promoción do Camiño Inglés.
Coordinados por
diferentes concellos, O teu Xacobeo apoia na comarca de A Coruña
diferentes proxectos como o do Concello de Sada co proxecto Sada fai
Camiño; o do Concello de Vilasantar, Xornada de posta en valor do Camiño
Norte de Santiago; o impulsado polo Concello de Paderne, Variedades de
ida e volta do Camiño, así como o do Concello de Sobrado que prevé a
celebración dun congreso turístico arredor do Camiño de Santiago, Sentir
do Norte. Tamén en Sobrado, pero impulsado pola Asociación de
Empresarios desta localidade, a Xunta de Galicia –ao abeiro de O teu
Xacobeo- impulsará un proxecto de actividades formativas encamiñadas á
promoción dos produtos gastronómicos desta zona.
Son varios as
iniciativas que se centran na promoción do Camiño inglés, como o
coordinado polo Concello de Abegondo, Vermeled e trail do Camiño, ou o
impulsado pola Agrupación Xuvenil Brgantium, de Betanzos, con As pegadas
do Camiño, que inclúe 5 roteiros que conectarán os municipios de
Cabanas, Pontedeume, Miño, Paderne e Betanzos; ou o impulsado pola
Asociación Raíña Paraíso que promoverá roteiros culturais para pór en
valor o patrimonio desta zona.
A Fundación INGADA celebrará este
ano o V Camiño da Diversidade, o Gran Camiño, proxecto impulsado tamén
por O teu Xacobeo e que terá lugar o vindeiro 12 de outubro cunha
camiñada para pór en valor a diversidade e o compañeirismo e que sairá
desde Escravitude a Santiago de Compostela. En el ámbito cultural e
musical, O teu Xacobeo apoiará a edición de varias publicacións sobre o
valor cultural do Camiño, de Hércules Edicións, e o ciclo de música
Latexos, ritmos, paisaxes e sentires no Camiño primitivo da Asociación
Cultural Vertixe.
No terreo deportivo, a Xunta de Galicia apoiou a
celebración de varios torneos celebrados este verán, dentro do proxecto
“O Camiño do tenis de mesa”, impulsado pola Federación Galega de Tenis
de Mesa. Por último, O teu Xacobeo impulsa tamén as TICs coa posta
en marcha dunha aplicación sobre as lendas do Camiño coordinado por
Nuria Freire.
Ovidio Rodeiro destacou a “gran acollida” desta
iniciativa, impulsada co obxectivo de implicar e fomentar a
participación de todos os axentes da sociedade no deseño do próximo
Xacobeo 21. De feito, O delegado territorial lembrou que que se
recibiron un total de 652 propostas de toda Galicia nas tres liñas de
axuda abertas e destacou que a gran afluencia de solicitudes levou a
ampliar o investimento destinado a este proxecto, pasando dos 2 millóns
iniciais a un total de 4,7.
Neste senso, subliñou que o obxectivo
deste programa é que chegue ao maior número de concellos galegos, con
especial atención aos máis pequenos, e que teña en conta os diferentes
Camiños que abranguen máis de 1.500 quilómetros en toda Galicia. A
primeira liña de axudas está destinada a proxectos formulados por
entidades locais (concellos galegos, mancomunidades, consorcios locais
ou deputacións. A meirande parte destas iniciativas permitirán mobilizar
recursos locais, fomentarán a innovación e o uso das TIC e farán
especial énfase na promoción de artistas ou creadores galegos.
A
segunda das liñas foi dirixida a propostas de pemes e particulares da
Coruña en proxectos centrados no desenvolvemento rural, o impulso de
talento emerxente ou o fomento da igualdade. Por último, a terceira das
liñas permitirá que boten andar propostas de entidades públicas ou
privadas sen ánimo de lucro da provincia. “Confiamos en que esta
iniciativa sentará as bases dun Xacobeo que sintan como propio todos e
cada un dos galegos”, apuntou Ovidio Rodeiro.
Cinco ámbitos de actuación
As
iniciativas seleccionadas abranguen un total de cinco áreas: o ámbito
artístico, patrimonio-historia-pensamento-espiritualidade, gastronomía,
ámbito deportivo e ámbito social. O ámbito artístico comprende toda unha
serie de disciplinas como artes visuais, arquitectura, deseño, cultura
dixital, moda, cinema e documental, todo tipo de músicas, artes
escénicas, literatura e libro. No eido do patrimonio, historia,
pensamento e espiritualidade terán cabida foros de reflexión, encontros,
publicacións, estudos, etc.
En canto a área gastronómica,
inclúense experiencias e actividades de elevado valor engadido, que
contribuirán a dar a coñecer e gozar do patrimonio enogastronómico de
Galicia achegando a visitantes e locais unha parte das tradicións,
oficios, cultura, historia e identidade territorial, así como a
promoción de produtos con denominación de orixe ou indicacións
xeográficas.
No ámbito deportivo realizaranse eventos de distintas
disciplinas deportivas. Inclúense actividades dirixidas e ao aire libre
como camiñadas ou rutas organizadas e tamén disciplinas relacionadas co
benestar e o gozo respectuoso da natureza. Por último, o ámbito social
contempla proxectos relacionados coa defensa dos dereitos humanos ou
vinculados a colectivos vulnerables.