SANTIAGO DE COMPOSTELA | O
Ateneo de Santiago organiza un luns máis os seus ben coñecidos Luns do Ateneo. Así,
despois da sesión inaugural do Festival Ateneo Barroco, a Sección de Ciencia da
entidade decidiu realizar un ciclo de conferencias sobre gastronomía e
nutrición, que comezará o vindeiro día 14 cunha conferencia do Catedrático de
Historia Contemporánea na Universidade de Santiago Xavier Castro titulada “Historia
do xantar dos galegos”.
Nesta
cita, que terá lugar como sempre ás 20h na Rúa do Vilar, 19, de Santiago, o
Historiador falará das diferenzas entre a cociña popular e a culinaria fidalga
e burguesa (a preferencia pola cocción dos primeiros fronte ás frituras e
guisos dos segundos, o emprego de produtos estacionais en contraposición ao
xénero de importación e receitas foráneas...) así como as súas semellanzas (a
influencia da mentalidade relixiosa católica, o emprego duns mesmos
instrumentos culinarios...), sen perder de vista a situación da muller neste
ámbito, o aproveitamento dos escasos recursos ou a vixilia e as bulas.
Xavier
Castro impartiu docencia na Université de Rennes e na École des Hautes Ètudes en
Sciences Sociaux de París, foi subdirector da revista Grial e foi asesor histórico de programas televisivos como As leis de Celavella e Lobos e cordeiros. Membro da comisión
científica da Fundación Dieta Atlántica, recibiu o Premio Picadillo do Fórum
Gastronómico 2015 polo seu labor como investigador da historia da alimentación,
destacando entre as súas publicacións A
lume manso, Ayunos y yantares (Premio
Nacional de Gastronomía), A rosa do viño.
Cultura do viño en Galicia, A mesa e
manteis (Premio Gourmand World Awards) e Yantares gallegos. Historia de la dieta atlántica. Departamento de comunicación