A CORUÑA | O presidente da Deputación da Coruña, Valentín
González Formoso, e o seu homólogo da Real Academia Galega, Víctor F.
Freixanes, asinaron hoxe na sede da institución provincial o convenio polo
que a Deputación financia a programación cultural da entidade durante o
presiente ano. Ao acto asistiu tamén o deputado responsable da área de Cultura,
Xurxo Couto.
A Deputación achega 60.000 euros, un 80% do orzamento
que a Real Academia inviste na súa programación anual, que inclúe actividades
como os cursos de verán de lingua e cultura “Galego sen fronteiras” para
persoas de fóra de Galicia, a fase de finalización dun estudo sociolingüístico
sobre competencias e usos do galego na infancia, as actividades expositivas e
didácticas da Casa-Museo Emilia Pardo Bazán ou a actividade “Primavera das
Letras”, que este ano achegou aos escolares da provincia a figura de Antón
Fraguas e o seu importante traballo no eido etnográfico e cultural.
González Formoso gabou o traballo que desenvolve a RAG
na promoción da lingua e cultura galegas e destacou que a colaboración da
Deputación está enfocada especialmente a actividades que se desenvolven entre
persoas de fóra de Galicia e entre os máis pequenos. Departamento de comunicación