A Deputación de Pontevedra vén de dar por finalizado “DepoApicultura”. Este proxecto, enmarcado dentro do programa “EmpleaVerde” do Ministerio para a Transición Ecolóxica, é unha iniciativa da Fundación Biodiversidade que consistiu en formar a persoas desempregadas para que poidan traballar no sector apícola dun xeito sustentable, impulsando e mellorando o emprego, o emprendemento e o medio ambiente. “DepoApicultura. A apicultura sostible como fonte de emprego rural” está cofinanciado polo Fondo Social Europeo (FSE) no marco do Programa Operativo Emprego, Formación e Educación 2014-2020 e foi posto en marcha coa colaboración da Deputación de Zaragoza.
En total, leváronse a cabo 11 accións formativas de balde para fomentar, crear e mellorar o emprego nas actividades económicas relacionadas co medio ambiente e co sector apícola. Nelas participaron 120 persoas desempregadas, que recibiron 50 horas de formación tanto teórica como práctica e de maneira gratuíta, podendo escoller entre recibir formación presencial (en Barro, O Rosal ou Vilaboa), ou formación mixta –isto é, cunha parte presencial e outra online–, neste caso coas clases presenciais en Ponteareas, Ponte Caldelas, O Rosal ou Salceda de Caselas. Como requisito do proxecto, tanto no caso da provincia de Pontevedra como na de Zaragoza, as accións desenvolvéronse en zonas rurais da Rede Natura.
Grazas a “DepoApicultura”, as 120 persoas que recibiron a formación están xa capacitadas para pór en marcha e manter unha explotación apícola moderna. Para iso, o persoal docente informounas por unha banda sobre as técnicas e as orientacións produtivas que existen no sector, e pola outra banda puxo o foco nas novas vías de xestión e de comercialización dun negocio a través das novas tecnoloxías. Ademais, no último módulo recibiron nocións sobre elaboración de plans empresariais, busca de emprego e preparación do currículo.
A través deste programa, a Deputación de Pontevedra cumpriu os seus obxectivos de crear emprego verde, impulsar a innovación social con impacto positivo, promover e crear empresas verdes e loitar contra a desertización do rural. Ademais, “DepoApicultura” contribuíu a mellorar a taxa de emprego no sector apícola, con especial incidencia sobre as persoas con dificultades para acceder ao mercado laboral. Departamento de comunicación