Máis de 700 persoas optarán a unha das
132 prazas de policía local que oferta a Xunta a través da convocatoria
unificada na Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP) O Diario Oficial de Galicia
publica hoxe as listaxes definitivas de admitidos neste proceso, que
suman un total de 722 persoas. Ademais, na resolución indícase tamén a
data da primeira proba (test de coñecemento) e da segunda (proba de
galego para os non exentos), que terán lugar o próximo 27 de outubro no
recinto feiral de Silleda, no pavillón 2.
A proba de coñecementos
consiste en 100 preguntas tipo test do temario proposto na convocatoria
con catro respostas posibles e soamente unha correcta. Os aspirantes
dispoñen dun total de 120 minutos para respondelas. Trátase da
segunda convocatoria que organiza a AGASP de acceso á categoría de
policía local. Neste proceso selectivo, segundo o solicitado polos
concellos, ofértanse 158 prazas en 28 concellos galegos: 132 pola quenda
libre e 26 pola quenda de concurso-mobilidade.
A Xunta publicou a
finais de 2017 un decreto para centralizar na AGASP as oposicións de
auxiliares e policías locais dos concellos que así o decidisen de forma
voluntaria (actualmente, xa son 73 os concellos que se adheriron a este
procedemento). O obxectivo da iniciativa é aforrar xestións, orzamento e
tempo ás entidades locais, á vez que se favorece a axilidade e
transparencia dos procesos. En virtude deste convenio, os concellos
fóronse unindo ao procedemento a través de convenios de colaboración
para delegar estas competencias na Xunta.
O primeiro proceso de
selección foi o de auxiliares coa celebración das probas entre maio e
xuño de 2018 para optar a 109 prazas. En abril deste ano anunciouse a
segunda convocatoria con 155 prazas para esta categoría. O proceso
rematou en xuño coa adxudicación de postos. No caso da policía
local, en novembro de 2018 comezou o primeiro proceso para esta
categoría con 38 prazas en 23 concellos e en xuño publicouse o segundo
para cubrir 158 postos en 28 concellos, dos que hoxe se publica a lista
definitiva de admitidos.