A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, asistiu hoxe á conmemoración do Día Internacional da Muller Rural organizado pola Asociación de Mulleres Rurais da Arnoia, onde reivindicou que para acadar a igualdade entre mulleres e homes no rural galego é preciso garantirlles a igualdade de oportunidades no acceso ao mercado laboral. Tamén avogou por impulsar a súa capacidade de emprendemento e promover medidas que faciliten a conciliación da súa vida persoal, familiar e laboral nun escenario de corresponsabilidade.
López Abella instou a poñer en valor e recoñecer a posición das mulleres no medio rural e garantirlles igualdade de oportunidades. Nesta liña, o Goberno galego apoia o movemento asociativo feminino porque considera que se trata dunha canle clave para avanzar na igualdade no rural e para visibilizar o papel que xogan as mulleres a prol do asentamento da poboación e do crecemento sostible dos seus concellos.
A Xunta apoia o empoderamento económico con medidas como o programa Emega para o fomento do emprendemento feminino, que financia a posta en marcha de iniciativas empresariais constituídas por mulleres e da que este ano se beneficiaron 161 iniciativas empresariais.
Para fomentar a conciliación e a corresponsabilidade, a Administración autonómica conta cunha liña de axudas destinadas á redución da xornada laboral dos homes e familias monoparentais, con fillos menores de tres anos ao seu cargo. Galicia foi ademais a primeira comunidade en dotarse dun Plan de Conciliación e Corresponsabilidade aprobado o ano pasado. A secretaria xeral da Igualdade tamén asistirá hoxe ao mediodía á IV Xuntanza de Mulleres Rurais Santa Águeda no concello ourensán da Peroxa.