SANTIAGO DE COMPOSTELA | Santiago de Compostela converteuse na capital do
talento durante estes días acollendo o cume Talentia Summit ‘19, que
tivo lugar desde este luns 21, ata o día de hoxe. Unha cita anual que
este ano acodou cifras altamente positivas, mobilizando a máis de 5.000
persoas de toda Galicia e involucrando directamente ao tecido produtivo e
económico máis importante da cidade. O alcalde de Santiago, Xosé
Sánchez Bugallo, clausurou hoxe o evento nun acto institucional no que
tamén participou a concelleira de Compostela Aberta, Marta Lois, e
membros do Pacto local polo Emprego.
Xosé Sánchez Bugallo destacou o éxito desta edición, e emprazou á
organización a seguir traballando para que a do próximo ano sexa mellor.
E para iso, engadiu "seguiremos necesitando o concurso, o apoio e a
participación de todas as empresas e a confianza de todos aqueles que
buscan unha oportunidade no mercado laboral".
Talentia Summit ’19 congregou na gala de apertura presidida pola
ministra de Economía en funcións Nadia Calviño, o presidente da Xunta de
Galicia, Alberto Núñez Feijóo; e o alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez
Bugallo, a executivos de grandes empresas como Hijos de Rivera, Samsung
España, Telefónica, Banco Sabadell ou Great Place to Work.
Posteriormente tivo lugar a Feira do talento celebrada no Palacio de
Congresos e Exposicións de Galicia, con múltiples actividades para
potenciar o emprego.
Talentia Summit ’19 contou cunha gran acollida entre público e acadou
cifras considerables: máis de 1000 vacantes abertas no marco de Talentia
Summit ’19 xestionadas mediante a súa web; 100 empresas participantes
durante a Feria do Talento, 70 delas recrutando talento directamente
durante o evento; 940 asistentes en actividades de formación,
certificación e desenvolvemento do talento; 400 persoas usuarias dos
talleres como vídeo-currículo profesional, fotografía profesional,
redeseño do CV e LinkedIn e orientación laboral; e 370 persoas que
asistiron a sesións de mentoring persoal para recibir resposta a dúbidas
dos seus sectores profesionais.