O conselleiro de Economía, Emprego e
Industria, Francisco Conde, presentou hoxe no Parlamento de
Galicia os orzamentos do seu departamento para o vindeiro ano 2020, que
se incrementan nun 5% con respecto a 2019, ata alcanzar preto dos 600
millóns de euros, co obxectivo de seguir construíndo unha Galicia máis
preparada, máis innovadora e máis verde. Tal e como explicou o
conselleiro, trátase dunhas contas que teñen a vista posta no horizonte
2030 para contar cunha Comunidade que continúe crecendo e encare os
retos actuais, multiplique as oportunidades de mozas e mozos e traballe
para ser competitiva e verde.
Conde subliñou que estes orzamentos
permitirán a Galicia cumprir cos seus compromisos en materia de emprego
para rematar a lexislatura con 80.000 postos de traballo creados -xa
levamos 61.000- e achegar a taxa de paro ao 10% -que se sitúa
actualmente no 11,49%-. Unhas contas que tamén posibilitarán facer
fronte aos desafíos que se derivan da situación actual, tanto a nivel
nacional como internacional, apoiando así ao tecido industrial. Neste
sentido avanzou que se activará un novo programa de axudas para
traballadores e empresas afectadas por expedientes de regulación de
emprego dotado con 4 millóns de euros e multiplicaranse por máis de tres -ata case os
17 millóns- os fondos destinados a acompañar ás empresas que en Galicia se
poidan ver afectadas por este momento actual de inestabilidade.
Unha Galicia máis preparada
O
conselleiro explicou que os orzamentos reservan 260 millóns de euros
para conseguir unha Galicia máis preparada, capaz de anticiparse aos
retos do novo modelo creando emprego en máis cantidade e calidade,
apostando pola formación e a orientación e facendo fincapé na mocidade,
nas mulleres, no emprego autónomo e na economía social.
Así, xunto
coa consolidación de iniciativas que están a dar bo resultado como o
Plan Galego de Formación -que contará con 66 millóns para impulsar unha
formación dual e flexible axustada ás necesidades do tecido produtivo e
que reforza medidas como as Unidades Formativas en Empresas-;
fortalécense eidos como a orientación -coa creación dunha nova escala de
Orientación Laboral- ou o emprego autónomo; e impúlsanse novas medidas.
Neste sentido destacan o novo programa dual de emprego para mozos e
mozas menores de 30 anos, dotado con 5,2 millóns para impulsar a súa
empregabilidade; ou un doutorado industrial -enmarcado no programa
Talento 2021- para fomentar a mobilidade de persoal investigador entre o
eido académico e as empresas. No eido do emprego feminino, inclúense
novos programas como TécnicAs para acadar maior presenza das mulleres na
industria ou Responsabilízate+i para promover a implantación de plans
de igualdade.
Unha Galicia máis innovadora
Na súa
intervención, Conde destacou que o segundo piar para construír un mellor
futuro son a industria e a innovación. Así, trabállase co obxectivo de
que a innovación e a transformación dixital chegue a todas e cada unha
das empresas galegas, axude a manter o liderado galego nos
sectores
estratéxicos, á vez que posibilite abrir novas oportunidades de negocio.
A
Consellería destina á Galicia innovadora ao redor de 210 millóns de
euros. Seguiranse impulsando polos estratéxicos como o da automoción
-apoiando o desenvolvemento de novas tecnoloxías relacionadas co
vehículo eléctrico e apostando pola mobilidade eficiente-; o polo naval,
para avanzar no modelo de Estaleiro 4.0; ou o Polo Aeroespacial de
Galicia, que contará con 15,5 millóns para seguir avanzando no seu
desenvolvemento. Ao tempo, continuarase cos Hubs de Innovación Dixital e
lanzarase unha nova convocatoria de axudas dirixida ás empresas
participantes para proxectos de I+D+i (7,5 millóns); e apoiarase o lanzamento e
consolidación de polos noutros eidos.
Así, o polo das TIC, na
Coruña, poderá acceder a fondos recollidos nestes orzamentos para
comezar a desenvolverse e contribuír á modernización da base industrial
do sector e á mellora das súas capacidades competitivas. O polo da
biotecnoloxía de Santiago de Compostela contará cunha nova aceleradora
no eido do descubrimento de fármacos -a Business Factory Pharma-; e
avanzarase no polo termal e da enerxía a través do Ecobarrio de Ourense e
da Lei de aproveitamento lúdico das augas termais.
Por outra
banda, este impulso dos grandes polos da industria galega, acompañarase
da aposta polas pequenas e medianas empresas a través do apoio integral
que lles proporcionará a nova Estratexia Pemes, con 2,5 millóns para
desenvolver accións de formación, bonos de innovación ou actividades de
sensibilización e divulgación, así como follas de ruta individuais.
Ademais, mantense o compromiso co desenvolvemento da Industria 4.0 para
contar cun tecido de maior tamaño e que aposte máis pola
internacionalización e a diversificación: con máis de 45 millóns para apoiar
novos investimentos e ampliar os existentes e 34 millóns para ferramentas que
permitan reforzar as capacidades competitivas das empresas galegas.
Unha Galicia máis verde
Outra
das grandes prioridades dos orzamentos de 2020 é avanzar nunha Galicia
máis verde, para o que se destinan máis de 60 millóns. O conselleiro incidiu
en que unha industria competitiva e forte é compatible cunha industria
verde e responsable.
Por iso, destinaranse 32 millóns a proxectos de
aforro e eficiencia enerxética dirixidos tanto ás familias galegas -cun
novo Plan Renove de electrodomésticos e axudas á domótica- como para a
industria, con 6 de cada 10 euros desta partida para que poidan reducir a
súa factura; e novos apoios para reforzar as liñas eléctricas dos
polígonos industriais.
No ámbito da bioeconomía, preténdese
afondar na incorporación de novas tecnoloxías, innovación e ecodeseño
para que sexa un motor da competitividade. Así, apoiaranse proxectos
construtivos de casas de madeira promovidos polos mozos e mozas no
rural. Conde finalizou subliñando que estes orzamentos reforzan a
nosa Galicia Calidade, poñendo o foco nos galegos e galegas para seguir
contribuíndo ao seu benestar a través da creación de emprego de
calidade; e no tecido produtivo galego para contar con empresas máis
competitivas, innovadoras e internacionais.