O conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, e o presidente da
Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), Alfredo García,
asinaron hoxe o protocolo de colaboración para garantir que toda a
poboación galega teña acceso a servizos financeiros no seu concello, de
modo que dispoñan dun caixeiro automático no seu municipio e poidan
acceder tamén a servizos de asistencia financeira e de formación en
banca electrónica.
O obxectivo da Xunta de Galicia é acadar a
colaboración das administracións locais para actuar nos 40 concellos que
carecen dunha entidade financeira no seu territorio, o que beneficiará a
uns 52.000 galegos que residen nestes municipios. Aqueles concellos
interesados que así o decidan, subscribirán de xeito voluntario un
convenio de colaboración coa Administración galega, toda vez que o
compromiso do Goberno galego é asumir de xeito maioritario o custo deste
servizo pioneiro.
A previsión da Xunta é licitar un contrato que
inclúa, en primeiro lugar, a instalación dun caixeiro automático en cada
un dos municipios que non dispoñen de entidade financeira. Con esta
medida, os habitantes de cada un dos concellos poderán efectuar xestións
ordinarias como a retirada e ingreso de cartos en metálico, a
actualización das libretas bancarias ou o pagamento de recibos sen
desprazarse a outros municipios.
Ademais, o contrato –que se
sacará a concurso público- incluirá dous servizos que serán prestados
por persoal da entidade á que se lle adxudique o contrato: un servizo de
asistencia financeira ao cidadán, para solucionar de xeito presencial
as dúbidas dos clientes; e outro de formación en banca electrónica, para
que os cidadáns adquiran nocións básicas para utilizar servizos
bancarios que están dispoñibles a través das novas tecnoloxías.
Concellos beneficiados
Neste
momento, un total de 40 concellos galegos –o 13% do total– carecen
dunha entidade de crédito. A provincia máis afectada é a de Ourense,
onde non teñen servizos financeiros 25 municipios (Xunqueira de Ambía,
Xunqueira de Espadanedo, Lobeira, Piñor, Punxín, Baltar, Os Blancos,
Porqueira, Rairiz de Veiga, Trasmiras, Taboadela, Arnoia, Beade,
Carballeda de Avia, Cenlle, Melón, A Bola, Pontedeva, Verea, Chandrexa
de Queixa, Larouco, Petín, Castrelo do Val, Monterrei e Oímbra). O resto
de concellos distribúense entre a provincia da Coruña, con dez
municipios (Aranga, Coirós, Paderne, Vilarmaior, Vilasantar, Cabanas,
Lousame, Dodro, Santiso e Toques); catro na provincia de Lugo (Negueira
de Muñiz, Ribeira de Piquín, Ribas de Sil e O Páramo); e un municipio na
de Pontevedra (Dozón).