SANTIAGO DE COMPOSTELA | Todo aquel que posúe un
smartphone pode enviar mensaxes de masa a miles de persoas en liña. Conectámonos
e tomamos decisións con só tocar un botón e, por isto, é importante que os
usuarios comprendan as consecuencias que teñen as súas accións en internet. Sen
embargo, a maioría destes usuarios non son conscientes do seu impacto nos demais
así como da manipulación dos medios e, por este motivo, a alfabetización
mediática é un dos requisitos máis importantes para fomentar o acceso
equitativo á información e ao coñecemento para promover medios de comunicación
e sistemas de información libres, independentes e pluralistas.
A creación dunha política
que regule este tipo de aprendizaxe é o que vai defender o Catedrático de
Xornalismo e Ciencias da Comunicación da UAB, José Manuel Pérez Tornero, na
conferencia que impartirá o próximo Luns do Ateneo, a cal levará por título “A
caixa negra das redes sociais e as plataformas dixitais. Por unha política de
alfabetización mediática”, ao centrarse especialmente nestes dous segmentos da
rede. A actividade desenvolverase, como todos os luns, ás 20 horas na Rúa do Vilar,
19, de Santiago, permitíndose a entrada libre e gratuíta dende as 19.55h ata
completar a capacidade da sala.
José Manuel Pérez Tornero, experto en semiótica do audiovisual e en televisión
educativa e cultural, é consultor da UNESCO
e a Unión Europea en materia de servizo público de televisión e de
alfabetización dixital e mediática e forma parte do Grupo de Expertos de Alto
Nivel da Comisión Europea en materia de alfabetización mediática. Os seus
actuais campos de estudo son a nova televisión no contexto dixital, a
intelixencia artificial aplicada aos informativos, as competencias mediáticas e
o pensamento crítico, o desenvolvemento da televisión educativa e cultural, os
discursos mediáticos e os novos valores e prácticas do periodismo na era da
posverdade. As principais orientacións das súas investigacións son o afondamento
da democracia política e cultural global, o progreso da educación, a promoción da cidadanía activa e cosmopolita
e o fortalecemento da esfera pública da comunicación. Máis información