A CORUÑA | O presidente da Deputación da Coruña, Valentín
González Formoso, compareceu esta mañá ante a Comisión de Economía, Facenda e
Orzamentos do Parlamento de Galicia para presentar as liñas principais do orzamento
da institución provincial para o exercicio 2020.
González
Formoso anunciou que o orzamento da
Deputación da Coruña para o vindeiro ano, que será sometido á aprobación do
pleno o vindeiro 21 de novembro, ascenderá a 184.016.500 euros, o que supón un
leve incremento do 0,22 % sobre o do presente exercicio e destacou que, un ano
máis, todos os investimentos e plans da Deputación financiaranse con recursos
propios, sen apelación ao crédito, mantendo a actual situación de “débeda cero”
da institución provincial.
O presidente
coruñés enmarcou esta prudencia na programación orzamentaria de cara ao
vindeiro ano na “ausencia de Orzamentos Xerais do Estado, o que expón numerosas
e relevantes incógnitas para os orzamentos das entidades locais” e criticou que
o proxecto de Lei de Orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia “non inclúa
ás deputacións entre os destinatarios do Fondo Galego de Cooperación Local,
mentres as diferentes normas autonómicas séguenlles atribuíndo competencias sen
cuantificación nin dotación orzamentaria”.
“Son
múltiples os exemplos de leis e normas autonómicas que establecen competencias
e obrigas ás entidades locais e que non contan con financiamento suficiente:
servizos sociais, incendios, protección animal, recollida e tratamento de lixo,
suministro e depuración de augas residuais…”, enumerou o presidente da
Deputación da Coruña, que apuntou que “tamén son moitos os servizos atribuídos
pola lexislación á Comunidade Autónoma que son realmente prestados polas
entidades locais sen dotalas de fondos para levalas a cabo”, polo que urxiu a “activar
os procesos de transferencias que permitan a súa xestión integral pola
administración autonómica”.
Neste
sentido, lembrou que algo máis do 5% do orzamento da Deputación da Coruña en
2020 (9,5 millóns de euros) serán destinados a manter centros educativos coma o
IES Puga Ramón e o IES Calvo Sotelo da Coruña ou os fogares infantís da Coruña
e Ferrol, que seguen sendo de titularidade provincial, pese a que a educación e
os servizos de protección e atención a menores son competencia exclusiva da Xunta
de Galicia. “O importe anual destinado a estes servizos minora, evidentemente,
os fondos asignados aos concellos da provincia”, afirmou.
Limitacións no gasto do superávit
González
Formoso afimou que, a pesar da economía saneada da Deputación da Coruña e da
ausencia de endebedamento, a súa capacidade inversora vese “innecesariamente
limitada pola denominada regra de gasto”.
“Comparto
que non é posible gastar o que non se ten, pero tamén considero inadecuado non
poder destinar os recursos dispoñibles a financiar servizos e investimentos que
resultan indispensables para o benestar social e económico dos cidadáns”,
afirmou o presidente da Deputación, que considerou que esta limitación
lexislativa constitúe “un efecto non desexado que debe ser corrixido se non
queremos manter un superávit improductivo nas entidades locais”.
Formoso
apuntou que a regra de gasto “paraliza 8.000 millóns de euros dos concellos que
fixeron os deberes” e atópanse nunha situación financeira saneada, e estimou
nuns 200 millóns de euros o impacto na provincia coruñesa.
72,6 millóns de investimento en plans provinciais
Valentín González
Formoso detallou que a Deputación da Coruña destinará en 2020 máis de 72,6
millóns de euros aos distintos plans provinciais, entre os que destaca, un ano
máis, o Plan Único (POS+2020) que contará cunha dotación orzamentaria inicial
de 47,2 millóns de euros para financiar obras e servizos públicos nos 93
concellos coruñeses, unha cantidade que, como todos os anos, irá incremetándose
progresivamente coa incorporación de remanentes ao longo do exercicio.
“O Plan
Único da Deputación da Coruña transferiu este ano 100 millóns de euros aos
municipios coruñeses e é o segundo maior plan de obras e servizos de todo o
Estado español”, afirmou.
Neste punto,
Formoso instou á Xunta de Galicia a aplicar tamén “criterios obxectivos e consesuados”
para a asignación e distribución dos fondos ás entidades locais, tal como se
fixo coa creación do Plan Único da Deputación da Coruña.
Asemade,
anunciou que as bases do Plan Único incluirán en 2020 novidades para que os
concellos en situación de “risco financiero” podan destinar a maior parte dos
fondos que lles asigna a Deputación a financiar “aqueles gastos correntes que
atenden funcións sociais básicas coma educación, ensino, atención a
dependentes, servizos sociais, sanidade, igualdade, e todos os directamente
relacionados cos atención axeitada dos servizos públicos esenciais”.
Outros plans
provinciais importantes durante o vindeiro ano serán os 14,7 millóns de euros
destinados a investimentos, conservación e construción de sendas peonís e
travesías urbanas nos máis de 2.100 quilómetros da rede provincial de estradas
ou os 10,6 millóns que a Deputación destinará ao Plan de Emprego Local (PEL),
qu demostran que a aposta pola creación de emprego e o apoio ao emprendemento seguirá
a ser un dos obxectivos principais do Goberno provincial.
Segundo
explicou o presidente, no orzamento de 2020 “refórzarase a promoción económica
dos sectores primarios coma a agricultura, a gandería ou a pesca” e
incrementaranse tamén os recursos destinados a “áreas prioritarias e
preferentes” coma Benestar Social, Igualdade ou a Rede Cultural.
A aposta por
un novo modelo de mobilidade sustentable será outra das claves da acción do
Goberno provincial no vindeiro ano coa posta en marcha de importantes proxectos
que contarán con financiamento europeo coma a Vía Verde Santiago-Cerceda, as
Sendas dos Faros ou a Rede Ciclista Metropolitana da Coruña.
Xestión directa dos parques de bombeiros comarcais en 2020
González
Formoso agradeceu á Xunta de Galicia, aos representantes sindicais dos
bombeiros e aos diferentes grupos políticos da Deputación “a súa leal
colaboración e intenso traballo” para facer posible que o vindeiro 1 de xaneiro
de 2020 os 10 parques comarcais de bombeiros da provincia da Coruña pasen a ser
xestionados directamente pola administración pública a través do Consorcio
Provincial Contraincendios e Salvamento da Coruña que integran ao 50% a
Deputación e a Xunta de Galicia.
“Para 2020
concretarase o cambio na forma de xestión e unha táboa retributiva única e
común para todos os parques de bombeiros, que garanta a igualdade e a
seguridade xurídica de todos”, anunciou.
O presidente
sinalou tamén que a Deputación da Coruña manterá conxeladas as tarifas das
taxas e prezos públicos en 2020 e apuntou o que o incremento do 90 ao 98% da
pocentaxe das entregas a conta aos concellos que teñen delegada na
administración provincial a recadación dos seus tributos supuxo adiantar, mes a
mes, aos concellos coruñeses un total de 170,5 millóns de euros, mellorando de
forma notable a liquidez dos municipios coruñeses e as súas posibilidades de
atender as súas obrigas económicas. Departamento de comunicación