O
cambio climático e as súas consecuencias para o planeta e as futuras xeracións ten
nas rúas de todo o mundo e tamén de Galiza a milleiros de mozos e mozas que
reclaman solucións urxentes ante un reto global, pero ante o que hai que actuar
de xeito local.
A esa mocidade apelou a portavoz nacional,
Ana Pontón, para que opte polo BNG o 10N, a única forza que estivo desde o
principio na loita de ENCE fora da ría, a única que levou a Bruxelas o
saneamento integral das rías o defende unha moratoria contra o eucalipto.
Pontón pediu o voto a esa mocidade “que
non quere en Galiza nin Trumps, nin Bolsonaros, nin Salvinis nin primos de
Raxoi”, -apelou-, apóstolos do negacionismo da emerxencia climática, unha
extrema dereita coa que pacta un PP que en Galiza desenvolve políticas “que son
unha auténtica fábrica de cambio climático, como ese empeño en manter a
pasteira na ría ou un modelo forestal que enche os montes de eucaliptos pese a
ter nos incendios o principal problema ambiental do país”.
Nun encontro con activistas ambientais
e cos responsables da rede de escolas asociadas á Unesco, Pontón destacou as
aportacións de Iria e Pablo, -que leron o manifesto na mobilización da folga
mundial polo clima en Pontevedra-. “Son a voz desa mocidade galega que defende
un futuro sostible para as xeracións futuras, unha voz que o BNG non só escoita
senón que apoia”, proclamou.
En relación ás propostas concretas, a
líder nacionalista citou algunhas das prioridades que o Bloque defenderá no Congreso
a partir do 10N.
En primeiro lugar, revogar a prórroga
ilegal de ENCE para sacala da ría e proceder a súa recuperación integral, propoñer que a Lei de Patrimonio Natural e da Biodiversidade inclúa o
eucalipto como especie invasora, limitando o seu cultivo e plantación. “En
Galiza, os incendios son o problema ambiental máis grave, -mesmo con
consecuencias dramáticas-, por iso urxe limitar as especies que facilitan os
lumes e implantar un sistema de explotación multifuncional do monte”, recalcou
Pontón.
Esixir a rexeneración integral das
rías galegas, apostar por un cambio de paradigma cara un modelo económico sen
enerxía fósiles a medio e longo prazo e potenciar unha economía circular, como
medidas como as da compostaxe, ou a redución da contaminación por tráfico
viario, como xa se fai en Pontevedra.
Pontón tamén destacou que o BNG
defenderá no Congreso prohibir por lei as portas xiratorias, para evitar que as
maiores empresas contaminantes, como as eléctricas, “se senten no Consello de Ministr@s por persoas interpostas
utilizando a ex cargos políticos como lobbistas de luxo a favor dos seus
intereses. ENCE é tamén un exemplo de
libro desta práctica que hai que erradicar”, concluíu.
Cidade do Lérez pioneira
A cabeza de lista por Pontevedra Carme
da Silva sumouse os agradecementos aos
representantes de colectivos e organizadores da folga polo clima en Pontevedra e
a súa preocupación polo presente e o futuro do planeta e destacou que a preocupación
ambiental do BNG “non naceu hoxe”, senón
que vén marcando a actuación política da formación dende hai anos, lembrando o
posicionamento contra aos vertidos radioactivos ou as nucleares, entre outras
moitas loitas ambientais.
Da Silva
puxo sobre a mesa o proxecto Pontevedra que comezou hai 20 anos. “Hoxe fálase
do futuro das cidades, do fume, do ruído, de que non se pode vivir con máscaras”,
asegurou, para contrapoñer a situación na cidade do Lérez, onde “estamos afeitos
a unha cidade amable na que hai calidade de vida”, dixo lembrando a mobilidade
sustentable ou a compostaxe que son modelo internacional recoñecido.
En sintonía coa loita contra o cambio clmático
A candidata
asegurou que a emerxencia climática será unha prioridade do BNG no Congreso,
levando ata alí cuestións de competencia estatal como a rexeneración das rías,
a decisión sobre a produción de enerxía e como se debe facer a transición
enerxética, fomentando medios de transportes sustentables como o ferrocarril.
“O BNG está en perfecta sintonía coas reivindicacións e demostramos que é
posible actuar de maneira diferente para deixarlle un lugar mellor ás vindeiras
xeracións”, subliñou.
“Non estamos
a falar do futuro do planeta. O planeta seguirá e recuperarase das nosas accións.
O que está en xogo é a supervivencia da especie humana. Estamos a tomar
decisión moi agresivas que ou corriximos ou a situación empeorará cara a un
risco extremo, porque o proceso está a ser moito máis acelerado do que se
pensaba hai dez anos”, subliñou. Departamento de comunicación