A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia da
Xunta activa a alerta laranxa por temporal costeiro a partir de mañá nas
provincias da Coruña e Lugo. Segundo informa a Axencia Estatal de
Meteoroloxía (AEMET), o fenómeno meteorolóxico adverso costeiro de
nivel laranxa afectará desde a mañá do domingo ao noroeste da Coruña e á
costa de Lugo. Haberá mar combinada con ondas de 5 a 6 metros.
Cómpre
recordar que o resto do litoral estará en nivel amarelo con mar
combinada do noroeste con ondas de 4 a 5 metros. Ademais, no noroeste da
Coruña tamén se agardan ventos do oeste e noroeste de forza 7.
Por
este motivo, e co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a
Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a través do Centro de
Atención ás Emerxencias 112 Galicia, informou da situación aos concellos
da provincias afectadas; deputacións, servizos provinciais e
agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos,
entre outros. Deste xeito, agárdase que se adopten as medidas oportunas
para garantir a seguridade dos bens e das persoas.
Debido ao
temporal costeiro, recoméndase permanecer lonxe da liña de costa e das
praias e paseos marítimos co fin de previr un eventual golpe de mar que
poida arrastrar persoas ou obxectos. Ademais, é preciso evitar
aproximarse a diques, rompentes, espigóns, peiraos e todas aquelas zonas
que poidan ser varridas polo mar e vixiar posibles caídas de obxectos
de balcóns e fiestras.