OURENSE | A terceira edición de ‘Sportur Galicia’,
Salón do Deporte e Turismo Activo de Galicia, converte un ano máis á
cidade das Burgas no escaparate do turismo activo e do deporte. Este
evento ten como obxectivo promover Galicia como destino perfecto para o
binomio turismo-deporte durante todo o ano e está destinado a todos os
públicos -deportistas, afeccionados ou principiantes de todas as
idades-.
A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz
Mouteira, participou na presentación da edición deste ano de ‘Sportur
Galicia’ que terá lugar en Expourense os vindeiros días 15 e 16 de
novembro. A celebración do I Congreso Ibérico de Turismo Deportivo será a
principal novidade que ofrece este evento. Ademais, este ano a pista
de atletismo hidráulica coa que conta Expourense estará instalada para
esta feira multiplicando así as opcións á hora de organizar actividades
deportivas e exhibicións.
Díaz Mouteira sostivo que este evento
contribúe a pór en valor os nosos recursos deportivos desde un punto de
vista turístico. Así, subliñou que o dobre obxectivo de Sportur é “dar a
coñecer Galicia como destino activo e saudable que ofrece multitude de
opcións para gozar do deporte e das actividades ao aire libre e,
ademais, animar a practicalas a todo o mundo”. Neste sentido lembrou
algúns dos activos máis importantes cos que conta Galicia como “as nosas
montañas, os nosos ríos, os nosos mares, as experiencias de turismo
BTT, as competicións de golf, o Pantín Classic, o sendeirismo, os
deportes acuáticos, as carreiras populares e sobre todo o Camiño de
Santiago”.
A delegada territorial fixo referencia á aposta do
Goberno galego polo turismo activo incluída na Estratexia do Turismo
2020. Neste sentido defendeu o enorme potencial dos eventos deportivos
para incrementar o fluxo de turistas e favorecer á desestacionalización
da nosa oferta turística.
Durante dous días, coa colaboración de
Turismo de Galicia e da Secretaría Xeral para o Deporte, da Deputación
Provincial de Ourense e do Concello de Ourense a través do Consello
Municipal de Deportes e de Turismo, Expourense organiza este certame no
que participan un cento de expositores, dos que 36 son federacións e
clubs de toda Galicia que aproveitarán a súa presenza para promover a
súa actividade organizando distintas exhibicións, adestramentos ou
campionatos.