O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez
Almuíña, explicou hoxe, no Pleno do Parlamento de Galicia, as medidas
adoptadas polo Sergas para garantir a atención pediátrica especializada
nos hospitais de Ourense.
Segundo referiu Almuiña, na actualidade
concorren dúas circunstancias simultáneas como son o permiso por
paternidade do pediatra de Hospital de Valdeorras e que o pediatra que
realizaba gardas no Hospital de Verín deixou de facelas, por mor da súa
idade. En ningún dos casos puideron ser substituídos, xa que non hai
especialistas dispoñibles.
O conselleiro lembrou que se convocaron dúas
prazas vacantes de pediatría no Hospital de Verín que quedaron desertas
porque non se presentou ningún aspirante. As prazas convocadas eran
interinidades. Almuiña destacou o labor do persoal do Servizo de
Pediatría do Hospital Universitario de Ourense, que asumiu a cobertura
da atención pediátrica dos comarcais. Isto fixo que houbera que adiar
consultas, tendo en conta a gravidade dos casos, xa que os especialistas
que tiñan que atender esas consultas estaban desprazados nos hospitais
comarcais. Esta situación mellorará nas vindeiras semanas, coa
reincorporación do pediatra do Hospital de Valdeorras, tras o seu
permiso de paternidade.
Atención pediátrica
O conselleiro
de Sanidade remarcou o gravísimo problema de natalidade que temos na
actualidade, e que no caso concreto de Ourense fixo que se pasara dos
37.608 nenos que había en 1999 aos 30.686 de 2018, o que significa unha
reducción do 18,6%.
Segundo dixo Almuiña o modelo de asistencia en
atención primaria en Galicia ten unha cobertura por pediatras do 90%. É
dicir que do total de prazas, o 90% están cubertas por especialistas en
pediatría. O conselleiro lembrou que esta porcentaxe está por riba da
media no Sistema Nacional de Saúde, que está nun 75%, ou de comunidades
como Castela-A Mancha, que está por debaixo do 60% ou Baleares cun 50%. O
Servizo Galego de Saúde ten acudido ao mercado laboral na busca de
especialistas en pediatría, pero non existen especialistas en
desemprego, nin sequera para concorrer a prazas de interinidade.
O
conselleiro de Sanidade trasladou ao Ministerio de Sanidad, Consumo y
Bienestar Social, a necesidade dunha convocatoria MIR extraordinaria
para as especialidades de medicina familiar e comunitaria e pediatría,
obtendo a negativa por resposta. Galicia conseguiu incrementar o número
de pediatras en formación pasando de 20 a 27 prazas. As prazas de
formación desta especialidade non se incrementaban dende 2013.
Almuiña
destacou o esforzo do Sergas por estabilizar a plantilla, con 103 prazas
de pediatría de atención primaria en OPEs dende 2012. Tamén se referiu á
creación da categoría de enfermería especialista en pediatría ,
dotandoa de prazas para unha mellora significativa na atención. O
Sergas continúa solicitando a eliminación da taxa de reposición para que
cada Comunidade Autónoma poida ofertar todos os postos que as
necesidades asistenciais están a demandar.