A Xunta de Galicia vén de adxudicar os
primeiros 82 novos contratos do transporte público que operarán en
Galicia na vindeira década, por un importe duns 472 millóns de euros de
fondos públicos. Os contratos adxudicados contemplan un total de
1.533 liñas de autobús, con 14.240 paradas, das que 1.180 liñas contan
con servizos de transporte compartido entre escolares e usuarios xerais.
Ademais, unhas 910 rutas dispoñen de servizos baixo demanda.
No
que se refire ao emprego, estes contratos supoñen a disposición de 828
condutores e 651 acompañantes nos servizos de autobús compartido. Os
novos servizos correspóndense practicamente con toda a provincia de
Ourense (27 dos 98 contratos); gran parte da provincia de Lugo (26
contratos), aproximadamente a metade da de Pontevedra (27 contratos) e
determinadas zonas da da Coruña (14 contratos).
Estes novos
contratos, que terán unha vixencia por 10 anos, está previsto que
comecen a funcionar a partir de xaneiro do 2020. E para seguir
completando a contratación desta fase, a Xunta prevé adxudicar nos
vindeiros días outros 3 contratos relativos aos termos municipais de
Mondariz e Oeste do de Covelo e Ponteareas. Ademais, antes de que
remate o ano, a Xunta prevé licitar os restantes contratos de
transporte, co obxectivo de que no ano 2020 estea culminada a renovación
integral do transporte público en Galicia.
A Xunta avanza así no
cumprimento do establecido na normativa europea, garantindo que Galicia
siga a ter transporte público tras o vencemento das concesións e
acadando a renovación total do mapa de servizos de autobús interurbano
da comunidade. O novo plan permitirá que o 97% da poboación estea
a menos de 200 metros dunha parada de autobús e que os usuarios de toda
Galicia se beneficiarán das vantaxes do transporte metropolitano e a
tarxeta Xente Nova. Para isto, duplicaranse amplamente os servizos
existentes hai 3 anos, pois cos novos contratos os galegos disporán de
preto de 61 millóns de km de servizos de autobús cada ano.
Traballo de campo e participación
O
Plan de transporte público de Galicia está baseado na participación e
no traballo de campo, xa que para o deseño das rutas se estudou en
profundidade o territorio co fin de coñecer os actuais servizos de
autobús e as novas necesidades da poboación. Ademais, consultouse
aos usuarios, recolléronse datos nos principais centros de demanda, como
zonas empresariais, centros de saúde ou centros educativos e se
realizaron enquisas e entrevistas en todos os concellos.
O Goberno
galego tamén escoitou as achegas e solicitudes en materia de transporte
público, no marco dos procedementos de información pública, co fin de
atendelas do mellor xeito posible e proporcionarlles aos cidadáns uns
servizos eficaces que respondan ás súas necesidades reais.