O responsable do Goberno galego, Alberto
Núñez Feijóo, anunciou hoxe, na rolda de prensa do Consello da Xunta, a
convocatoria de axudas, cun orzamento de 1,2 millóns, para financiar máis
dun cento de actuacións de mellora paisaxística e embelecemento ao longo
do Camiño de Santiago.
O obxectivo é “seguir mellorando os
Camiños de Santiago e toda a súa contorna, que quedarán en mellores
condicións que nunca e, ademais, quedarán para os anos santos
seguintes”, abundou Feijóo. En concreto, esta nova convocatoria de
axudas está dirixida tanto a entidades locais como a persoas físicas e
xurídicas e as actuacións deberán realizarse a partir do 1 de xaneiro de
2020.
Estas axudas contarán con dúas categorías. A primeira está
dirixida a actuacións propostas por entidades locais, incluíndo os
concellos polos que pasa o Camiño de Santiago, así como deputacións ou
mancomunidades, sempre que teñan competencias para a actuación proposta.
Permitirá financiar un mínimo de 40 actuacións e contará cun orzamento
de 600.000 euros.
Polo que respecta á segunda liña, financiará un
mínimo de 60 actuacións, contará cunha dotación de 600.000 euros e está
dirixida a persoas físicas ou xurídicas privadas titulares dun dereito
real sobre un ben moble, inmoble, recurso ou elemento situado no Camiño
ou aos arrendatarios destes bens. Tamén se inclúen comunidades de
propietarios, asociacións de veciños ou comunidades de montes veciñais
en man común.
O presidente da Xunta explicou que o Goberno galego
financiará o 75% das intervencións cunha cantidade máxima de 15.000 ou
10.000 euros, en función de se se trata dunha entidade local ou dunha
persoa física ou xurídica.
No que se refire ás actuacións obxecto
destas axudas, hai cinco categorías: intervencións sobre elementos
etnográficos e a súa contorna; actuacións sobre casas e eiras;
intervencións no espazo agrario para reducir o impacto visual que xeran
elementos en desuso ou abandonados sen interese patrimonial ou
paisaxístico; actuacións para incorporar a vexetación como elemento
integrador da paisaxe, e actuacións nos trazados do Camiño co fin de
substituír elementos no mobiliario urbano que resulten alleos á contorna
da Ruta Xacobea.
Esta nova iniciativa enmárcase no Plan de
Embelecemento do Camiño de Santiago, que traballa na eliminación de
elementos que deterioren a paisaxe nos distintos itinerarios. Este plan,
en colaboración coa Fundación Juana de Vega, está desenvolvendo preto
de 50 pequenas actuacións como melloras en valados, hórreos ou casetas.
O
presidente da Xunta insistiu en que “os Camiños de Santiago sexan a
tarxeta de presentación de Galicia” e lembrou as distintas iniciativas
postas en marcha para chegar ao Ano Santo nas mellores condicións
posibles, como o Plan de Mantemento para acometer actuacións ao longo de
máis de 1.250 quilómetros dos distintos Camiños, as accións de
sinalización das diferentes rutas ou o Plan de Albergues, que conta cun
financiamento de 7 millóns.