O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, deu conta hoxe
na rolda de prensa do Consello da resolución da orde axudas aos
concellos para desenvolver programas de inclusión da poboación xitana,
inmigrante e outras persoas en risco de inclusión social. O seu
orzamento, dixo, duplícase con respecto á ultima convocatoria, aumenta
de 2,5 millóns a máis de 5,2 millóns. O número de concellos beneficiados elévase
de 55 a 65 e os programas financiados, de 160 a 198.
En relación á
esta nova convocatoria, Feijóo precisou que haberá dúas importantes
novidades. En canto ao período para levar a cabo os programas
subvencionados, precisou que se elevará de 16 a 20 meses, para que as
entidades que os impulsen conten con máis continuidade. E, salientou,
por primeira vez, incluirase un programa específico para a atención ás
persoas sen fogar para axudar este colectivo a superar esta situación.
Así
mesmo, o presidente do Goberno galego fixo fincapé na necesaria
colaboración institucional entre os concellos e a Xunta. As corporacións
municipais son responsables dos servizos sociais básicos e a
Administración autonómica, dixo, no seu firme compromiso coas
iniciativas de inclusión social, destinará en 2020 máis de 120 millóns a
estes programas, un 70% máis do que se investía en 2009.
Finalmente,
e logo de recordar que aínda segue habendo moitas persoas que o están a
pasar mal, sinalou que hai datos que nos levan a un comedido optimismo.
“Na Comunidade hai menos fogares que nunca que chegan con dificultade a
fin de mes e Galicia é a segunda comunidade de España con menos persoas
en situación de extrema necesidade”, indicou, ao tempo que engadiu que
“esta taxa se reduciu nun 60% no que vai de lexislatura”.