El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Conchi Basilio
Ernesto González Valdés
Más noticias

UNIVERSIDADE | UDC

A Academia Xacobea incorpora a Julio Abalde, reitor da UDC como membro honorario

14-11-2019 16:19:20

O reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, vén de ser distinguido como membro honorario da Academia Xacobea, nun acto en que se formalizou o ingreso e que tivo lugar na Facultade de Dereito o pasado martes. A institución que preside Jesús Palmou manifestou que se suma no mundo universitario un novo e importante apoio para os seus traballos e obxectivos coa incorporación do reitor da UDC como Académico Honorario.

O reitor mostrou o seu agradecemento á Academia Xacobea polo seu nomeamento e destacou a súa “sintonía” cos fins que recolle esta nos seus estatutos: promover a investigación do fenómeno xacobeo e a difusión dos seus valores desde unha perspectiva multidisciplinar. Así, sinalou que desde a súa fundación a Academia “abriu unha nova vía de estudo e divulgación, inscrita con clareza no ámbito do rigor, da altura de miras e da proxección”, tanto en Galicia, como en España e no eido internacional.

“Comprométome desde este mesmo momento a tomar parte activa nas iniciativas da Academia Xacobea e a fomentalas nos campus, que xa atesouran unha importante experiencia de traballo académico e científico a prol dos camiños xacobeos”, apuntou Julio Abalde.

No seu discurso de ingreso, Abalde lembrou tamén que xa Elías Valiña, párroco do Cebreiro e gran impulsor da revitalización do Camiño de Santiago, levou o fenómeno xacobeo ao eido universitario no ano 1965 coa súa tese de doutoramento, e repasou algúns dos fitos que se sucederon desde que o crego comezara a percorrer a ruta cara a Compostela pintando as frechas amarelas ata a actualidade; fitos que “contribuíron a instalar a Galicia na modernidade”, como a designación do Camiño como Primeiro Itinerario Cultural Europeo ou a celebración do primeiro Congreso Internacional do Camiño de Santiago. 

Segundo informa a Academia Xacobea, o académico Eduardo López Pereira deu resposta ás verbas de Julio Abalde lembrando a obra de Plutarco “Vidas paralelas” para amosar os puntos en común das súas respectivas traxectorias: catedráticos da Universidade da Coruña, vicerreitores, directores da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia e, agora, membros da Academia Xacobea. López Pereira explicou que xa compartía con Abalde a “preocupación pola mellora da calidade das nosas universidades” e que desde hoxe estarán unidos tamén polos “valores e os fins marcados polos estatutos de Academia Xacobea”.

Entre eles citou a promoción e difusión do fenómeno xacobeo e lembrou a algúns dos pioneiros nesta tarefa e as anécdotas que marcaron o seu traballo: O bispo Xelmírez e os responsables do Códice Calixtino.Pola súa banda, Jesús Palmou explicou que o Camiño ten a súa orixe e o seu destino en Compostela, pero que hoxe en día ten acadado xa unha dimensión universal á que non é allea nin a cidade da Coruña nin a súa universidade. E sinalou tamén que coa incorporación de Julio Abalde, a institución suma un “intelectual e europeísta” que contribuirá a alumear a traxectoria da Academia.

“Desde a Academia Xacobea creemos nunha Europa froito do imperio dos sentimentos compartidos, froito da razón e do imperio do Dereito, fronte ao imperio da forza. Un espazo de convivencia e de prosperidade, no que máis alá de fronteiras e crenzas, a liberdade, a solidariedade, a fraternidade e a ética pública, sexan piares fundamentais da súa esencia. En definitiva, promovemos o Camiño de Santiago e os seus valores, como un Camiño de concordia, de paz e entendemento, entre os europeos, pero tamén entre os pobos do mundo”. Departamento de comunicación





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias