O deputado electo do BNG, Néstor Rego, comprometeuse hoxe a defender
a igualdade legal e real das linguas e anunciou que apoiará, tanto nas
xuntanzas previas como no Congreso, os
acordos do manifesto "Igualdade lingüística". Rego responde así á
demanda da Mesa pola Normalización Lingüística de incluír o recoñecemento
práctico e real da igualdade de dereitos e deberes das linguas propias en
calquera acordo de goberno.
Nunha visita á sede da Mesa pola Normalización
Lingüística, Néstor Rego, anunciou que incluirá a igualdade real e legal das
linguas nas propostas que o BNG levará ás xuntanzas que se desenvolverán para
un posíbel apoio ao acordo de goberno así como na súa acción política no
Congreso dos Deputados.
"O BNG defenderá a igualdade real das
linguas, para a mellora da calidade democrática do Estado. Concordamos coas
propostas e reclamaremos un compromiso efectivo do Estado no proceso de
normalización lingüística", apuntou Néstor Rego despois da xuntanza co
presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira.
Anunciou o que será deputado do BNG no próximo
pleno do Congreso que defenderá tanto nas reunións previas que se inician a
semana próxima como na propia cámara "os acordos que recolle o manifesto
"Igualdade lingüística" a favor da liberdade, a pluralidade e a
democracia para que todas as persoas teñan os mesmos dereitos e deberes e deixen de existir os privilexios para quen
utiliza o castelán".
Néstor
Rego apuntou que "os cidadáns e as cidadás da Galiza teñen que ver
recoñecido o dereito de usar a nosa lingua que é un dereito humano esencial.
Estamos a falar de democracia, de respectar a pluralidade lingüística que
existe, a comezar pola igualdade legal porque hai que lembrar que a
Constitución non sitúa as linguas no mesmo nivel e ao castelán recoñécelle o
dereito de usar e a obriga de coñecer a ao galego só o dereito para ser
usado".
Apuntou
así que é necesario que a administración do Estado mude a súa posición a
respecto das linguas distintas ao castelán en moitos ámbitos e, entre outros,
citou o uso na administracion periférica, que se tome en conta o perfil
lingüístico á hora de acceder á administración pública dependente do Estado ou
que os medios de comunicación públicos "sexan conscientes de que se están
nun estado plurilingüe e, polo tanto, teñen a obriga de incluir nos contidos
tanto a cultura que se realiza en galego como en español, catalán ou euskera o
que infelizmente non acontece".
"Prometemos en campaña que a nosa sería unha
voz que se sentirá pola garantía dos dereitos e contra a involución democrática
e, nese sentido, o dereito a usar a lingua propia é, para nós, un indicador
claro da calidade da democracia en que vivimos e, polo tanto, comprometémonos
agora a incluílo na axenda política do Congreso", sinalou Néstor Rego.
O manifesto foi presentado no pasado mes de
outubro en pola Normalización Lingüística ademais doutras organizacións de
defensa das linguas como Kontseilua (eúscaro); Plataforma per la Llengua,
CIEMEN, Omnium cultural e Acció Cultural del País Valenciá (Catalán);
Iniciativa pol asturianu (Astrurias); e Nogara (aragonés). O texto denuncia a
situación de desigualdade das linguas diferentes do castelán no Estado español
e propón ás institucións e partidos políticos medidas para garantir o
cumprimento de documentos como a Carta europea das linguas rexionais ou
minorizadas, a Declaración universal dos dereitos lingüísticos ou o Protocolo
para a garantía dos dereitos lingüísticos.
As entidades asinantes promoven a iniciativa para
garantir o dereito á utilización da lingua propia e eliminar "as
discriminacións por razón de lingua que aínda en 2019 contan con amparo legal
no Estado español". Sinalan tamén que coa nova lexislatura nas Cortes xerais
"ábrese unha nova posibilidade de avance democrático no ámbito dos
dereitos lingüísticos" e piden o compromiso das forzas políticas
democráticas que
hoxe xa confirmou o BNG. Departamento de comunicación