O conselleiro de Facenda, Valeriano
Martínez, anunciou hoxe no Parlamento que o primeiro que fará a Xunta de
Galicia cando se constitúa o novo Goberno de España será pedir o pago
íntegro dos 700 millóns de euros que lle adebeda a Galicia. E asegurou
que “atender esta débeda é o primeiro e máis inmediato asunto da axenda
galega que o Goberno ten que cumprir”.
Na súa intervención durante
o debate de totalidade do proxecto de Lei de Orzamentos da Comunidade
autónoma para o 2020, o titular de Facenda lembrou que o Parlamento
galego xa se ten pronunciado en tres ocasións, cun alto grao de
consenso, demandando o pago total destes recursos e lamentou que a día
de hoxe, o Goberno central “tan só transferise 60 dos 700 millóns que
lle debe a Galicia”.
40 anos de autogoberno
Durante o
debate, o conselleiro lembrou que Galicia volve ser das primeiras
comunidades en tramitar as súas contas e subliñou que “Galicia é un caso
único en España en poder encadear 40 orzamentos seguidos”. Todo isto
grazas á estabilidade outorgada á Xunta polos galegos que “fai que
esteamos blindados ante a inestabilidade do Estado e a nosa obriga é
transformar esta inestabilidade en seguridade, certeza e confianza”.
Valeriano
Martínez explicou que se trata do 5º orzamento expansivo consecutivo e o
máis elevado nunha década, con máis recursos pero prudente porque
“queremos que Galicia sexa un antídoto ao bloqueo estatal”. Segundo
expuxo, “estes orzamentos queren mellorar a vida dos galegos do ano
2020” pero tamén comezar a planificar a vindeira década con catro
grandes prioridades: a Galicia moza, a Galicia familiar, a Galicia
innovadora e a Galicia verde. Estas prioridades incluiranse no novo Plan
Estratéxico de Galicia 2021-2030 que se aprobará no 1º semestre de
2020.
A Comunidade Autónoma disporá o vindeiro ano dunha
capacidade de gasto de 10.149 millóns de euros, un 3% que neste
exercicio, co que Galicia contará con 300 millóns máis que este ano e
1.400 máis que en 2016. Ademais, seguen apostando polo reequilibrio
territorial cun maior gasto per cápita nas provincias orientais respecto
das atlánticas, de aí que o maior investimento por habitante volva
producirse en Lugo (4.252 euros per cápita) e Ourense (4.096), fronte
aos 3.281 euros de A Coruña e os 3.200 de Pontevedra.
Menos impostos e máis beneficios fiscais
O
conselleiro subliñou que o modelo da Xunta baséase en fortalecer o
crecemento económico con menos déficit, menos débeda e, tamén, con menos
impostos.
En canto ao imposto de Sucesións e Doazóns, desde 2016
non se pagan impostos polos primeiros 400.000 € en familiares directos,
sen contar a vivenda habitual, unha medida que xa beneficia aos 99% das
liquidacións. E o número de beneficiarios xa supera os 355.000 en menos
de 4 anos. Ademais, hai que ter en conta que practicamente un de cada
tres -un total de 107.776- son beneficiarios por pactos sucesorios en
vida. Agora, elévase a 1 millón de euros por herdeiro a cantidade exenta
de pagar neste imposto. Con esta medida, o 99,94% dos galegos non
pagarán Imposto de Sucesións entre familiares directos a partir do 1 de
xaneiro de 2020, o que supón a súa práctica supresión.
Por outra
banda, unha das prioridades do Goberno galego é que esta sexa a
lexislatura do rural e, nese obxectivo, ten moito que ver a política de
Impostos 0 no rural xa consolidada, así como as rebaixas de impostos en
zonas pouco poboadas. Nestes orzamentos refórzase esta estratexia para
fixar poboación e para que sexa máis doado vivir no rural e do rural.
Entre as novidades, inclúese a rebaixa do imposto pola compra dunha
vivenda usada no 94% do territorio galego. Para iso, redúcese o Imposto
sobre Transmisións Patrimoniais (ITP) do 7% ao 5% no caso de compra de
vivenda habitual, e do 10 ao 6% para o resto de compras de vivenda, co
obxectivo de fixar poboación no rural e dinamizar estas 3.500
parroquias. Tamén se aproban máis facilidades para a sucesión das
empresas familiares e ponse en marcha unha novidosa ‘dedución verde’ no
IRPF.
Ademais, a estas importantes rebaixas fiscais hai que
engadir o cada vez máis importante volume de beneficios fiscais no
orzamento. En 2020 chegan ata os 448 millóns de euros, o que supón 84
millóns de incremento durante esta lexislatura, un 23% máis. O 95%
destes beneficios fiscais son de carácter social.
Reforzo do gasto social e dos investimentos
Os
Orzamentos para 2020 reforzan un ano máis o gasto social, que medra en
275 millóns respecto a este ano e acada os 7.400 millóns de euros, a
cifra máis alta da historia. Estes novos recursos permitirán incrementar
o gasto directo en sanidade, no ensino e nas políticas sociais, e poñer
en marcha medidas pioneiras no ámbito familiar como a gratuidade das
escolas infantís a partir do segundo fillo ou a ampliación da Tarxeta
Benvida. Tamén medra o capítulo de investimentos, que acada os 1.691
millóns de euros.
Xacobeo, empregados públicos e débeda
Nas
contas do vindeiro ano tamén destaca a dotación para o Xacobeo, para o
que se destina un paquete de medidas nas distintas consellerías por 82
millóns de euros para afrontar con éxito a preparación do vindeiro Ano
Santo e conseguir que o Xacobeo 2021 sexa o mellor da historia.
Ademais,
recóllese a anualidade correspondente aos acordos sectoriais para
mellorar as retribucións do persoal da sanidade pública, do ensino
público, da xustiza, do Consorcio de Servizos de Igualdade e Benestar,
bombeiros forestais e axentes medioambientais.
En canto ao
endebedamento, Valeriano Martínez destacou que neste momento Galicia é a
comunidade que menos aumentou a débeda desde 2008; leva 2 anos en
práctica consolidación fiscal e tivo o 1º superávit en 16 anos; encabeza
o esforzo investidor en España, destinando o dobre de recursos por
habitante que a media de CCAA, e lidera o pago aos provedores. Para o
ano 2020, Galicia quere seguir por este camiño e, de feito, a ratio de
débeda/PIB en Galicia de 2018, comunicada oficialmente polo Banco de
España, é do 18,1%, 5 décimas menos que en 2017. Esta evolución
descendente seguirá nos vindeiros exercicios, á vez que se remata a
consolidación fiscal.