El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Sociedad

Cultura presenta o proxecto para crear a Axencia Galega das Industrias Culturais que substituirá o Igaem

A nova entidade busca a consolidación do conxunto do sector cultural

15-05-2007

A conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, presentou en rolda de prensa en Santiago o borrador da Lei de Creación da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic). Ábrese así o prazo de suxestións aos demais departamentos do Goberno galego e ao sector cultural do país, tralo que pasará a trámite parlamentario para a súa aprobación. Dependente da Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural, a Agadic ampliará as funcións do Instituto Galego de Artes Escénicas e Musicais (Igaem), un organismo consituído en 1989 e que, a xuízo da conselleira, "non se adapta ao contexto cultural actual". Esta futura entidade de dereito público é froito dunha "aposta pola consolidación do tecido cultural" galego en todos os seus ámbitos e da súa "capacidade para ser competitivo", segundo explicou Bugallo. A Agadic contará con dous órganos de dirección: o director e o consello de dirección, no que estarán representadas as consellerías de Cultura, Industria e de Economía. Un consello asesor contará coa participación dos sectores culturais que poderán achegar as súas propostas á dirección da Agadic. A Agadic encargarase da concesión de axudas e liñas de crédito aos creadores e empresas culturais, así como da consecución de novas fontes de financiamento que "faciliten o desenvolvemento de novos proxectos culturais". Ademais poderá asinar convenios, participar en consorcios e establecer relacións industriais con outras sociedades para desempeñar as súas funcións. Entre as funcións do novo órgano, atópanse o fomento da produción cultural que sirva para desenvolver a identidade cultural galega, a consolidación do mercado interior cun sistema "forte" de distribución e a potenciación da promoción exterior da cultura galega como "un dos seus grandes campos de desenvolvemento" a través da elaboración de marcas e campañas publicitarias, segundo expuxo o director xeral, Luís Bará. Impacto no sector A formación de profesionais, o desenvolvemento de infraestruturas e equipamentos para que a creación conte coas "mellores condicións" e o aproveitamento das posibilidades que ofrecen as novas tecnoloxías para o ámbito da cultura serán algúns dos pulos que se promoverán dende o Agadic para o afianzamento dunha industria cultural galega. A elaboración de estudos e planos estratéxicos a medio prazo sobre o sector cultural e o fomento do asociacionismo e cooperación entre empresas de distintos eidos serán outras das tarefas da entidade que substituirá o Igaem. A Consellería apostou ademais pola relación do sector cultural con outros eidos "con grande potencial de xeración de riqueza" como o patrimonio, o turismo ou a educación. Reforma En canto aos centros de produción dependentes ao Igaem, tales como o Centro Dramático Galego e o Centro Coreográfico Galego, quedan adscritos provisionalmente á Axencia "mentres non se cree un ente específico para a xestión e coordinación" destes centros, segundo recolle o anteproxecto de lei. Ánxela Bugallo desbotou que o futuro destes centros entre en risco e asegurou a súa consolidación, a través dun organismo propio de xestión aínda por crear, e a permanencia do persoal que actualmente traballa no Igaem.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias