A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia da
Xunta ten activada alerta laranxa por temporal costeiro nas provincias
da Coruña e Pontevedra. Segundo informa a Axencia Estatal de
Meteoroloxía (AEMET), o fenómeno meteorolóxico adverso costeiro de nivel
laranxa afecta a todo o litoral das provincias da Coruña e Pontevedra
con ondas de 4-6 metros, por mar combinada do oeste-noroeste.
Por
este motivo, e co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a
Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a través do Centro de
Atención ás Emerxencias 112 Galicia, informou da situación aos concellos
da provincias afectadas; deputacións, servizos provinciais e
agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos,
entre outros. Deste xeito, agárdase que se adopten as medidas oportunas
para garantir a seguridade dos bens e das persoas.
Debido ao
temporal costeiro, recoméndase permanecer lonxe da liña de costa e das
praias e paseos marítimos co fin de previr un eventual golpe de mar que
poida arrastrar persoas ou obxectos. É preciso evitar aproximarse a
diques, rompentes, espigóns, peiraos e todas aquelas zonas que poidan
ser varridas polo mar e vixiar posibles caídas de obxectos de balcóns e
fiestras.
Tamén se aconsella a suspensión das actividades
pesqueiras e marisqueiras como medida preventiva naquelas zonas máis
perigosas, así como extremar as medidas de seguridade á hora de realizar
calquera actividade no mar e revisar os cabos e amarres das
embarcacións. Ademais, é recomendable consultar a páxina web do CAE 112, que conta con información meteorolóxica e con enlaces de interese.