O presidente do Goberno galego, Alberto
Núñez Feijóo, anunciou hoxe na rolda de prensa do Consello o inicio dos
trámites de contratación das obras de ampliación e reforma do Hospital
público Gran Montecelo, en Pontevedra, cuxa primeira fase suporán un
investimento de case 115 millóns de euros.
Logo de subliñar que
este trámite supón o primeiro paso no proceso de contratación das obras,
baixo o obxectivo de comezar a executar a mediados de 2020, Feijóo
precisou que esta primeira fase consistirá na construción dun novo
edificio hospitalario, dotado cunha superficie de case 75.000 metros
cadrados distribuídos en 10 andares e composto por un primeiro volume,
destinado a servizos ambulatorios, que actuará como zócalo dun segundo
que albergará as áreas de hospitalización.
Así mesmo, e en
relación á segunda fase, cómpre salientar que esta consistirá na reforma
do edificio hospitalario actual, cun investimento de aproximadamente 25
millóns de euros. Cun desembolso total de 140 millóns de euros,
Feijóo subliñou que o Gran Montecelo contará con espazos máis
acolledores en áreas máis sensibles, como a diálise, o hospital de día
de oncoloxía, coidados paliativos ou a zona materno-infantil; preto do
60% dos cuartos serán individuais; aumentará nun 92% o número de salas e
postos de urxencias; sumarase un 49% máis de postos no Hospital de día,
“incluíndo, deste xeito, melloras na comodidade, na intimidade e nos
espazos de esparcemento para pacientes e familiares”; e disporá dos
novos servizos de radioterapia, UCI pediátrica e medicina.
O
titular da Executivo autonómico asegurou que a Xunta aprobou xa o
proxecto sectorial de incidencia supramunicipal do complexo hospitalario
e está a culminar as expropiación, que supoñen un investimento
adicional de 3,8 millóns de euros por parte do Concello de Pontevedra. Feijóo
concluíu subliñando que con esta reforma e ampliación “o Gran Montecelo
vai prestar servizo a 26 concellos, a 300.000 persoas para os próximos
50 anos, obxectivo da renovación completa dos hospitais do Servizo
Galego de Saúde”.