A Deputación da
Coruña vén de publicar no BOP a listaxe das 173 pequenas empresas e autónomos
da provincia que serán beneficiarias/os das axudas para a contratación do
programa PEL-PEMES 2019/2020 para apoiar a creación de emprego na provincia. Cun
importante esforzo inversor de algo máis de 2.270.000 euros, esta liña do Plan
de Emprego Local (PEL) permitirá a contratación de 173 persoas durante un ano.
Neste período, a Deputación asumirá ata o 75% do salario total dos
traballadores, impulsando así a actividade empresarial das pemes e autónomos e
apoiándoas na creación de emprego.
O
presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, destacou que
dende a súa creación o PEL impulsou a creación preto de 2.700 empregos directos
na provincia a través das súas diferentes liñas de apoio a concellos, pemes e
emprendedores/as. “Os
nosos obxectivos son fomentar a creación de emprego estable e de calidade,
especialmente nos concellos máis pequenos e rurais da provincia, axudar a fixar
poboación e apoiar a inserción laboral das persoas con maiores dificultades
para atopar un emprego”, afirmou González Formoso, que destacou que destas 173
axudas concedidas, preto do 72% (124) realizaranse na modalidade de
contratación indefinida e que o 93% (161 contratos) correspoden a colectivos
coma parados de longa duración, maiores de 45 anos ou menores de 30, mulleres
ou persoas con discapacidade.
En canto á distribución
das axudas por concellos, é de destacar que todas as empresas e autómomos/as
beneficiarios son de concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes.
Destacan como concellos cun maior número de solicitudes concedidas os
seguintes:Santa Comba (13),
Curtis (10), Mazaricos (9), Boiro (7), Zas (7), Cee (6), Melide (6), Ordes (6),
Begondo (4), Betanzos (4), Camariñas (4), Corcubión (4), Laxe (4), Oroso (4) e
As Pontes (4).
Analizando os
datos de distribución das axudas por comarcas, as máis representadas por número
de solicitudes concedidas son as de Betanzos
(con 23 solicitudes concedidas e un total de 289.847,50 euros), a de Xallas (con 22
solicitudes concedidas e un total de 282.424,50 €), Fisterra (con 17
solicitudes por un total de 205.453,57 €), Ordes (con 17 solicitudes por un
total de 236.116,32 €), Terra de Soneira (con 13 solicitudes por un total de
165.985,08 €), Barbanza (12 solicitudes por un total de 174.750,00 €), Santiago
(con 10 solicitudes e un total de 142.392,81 €) e Eume (con 9 solicitudes e un
total de 126.648,52 €).
Atendendo á tipoloxía
de negocio, a meirande parte das beneficiarias son microempresas (empresas con menos de 10 traballadores/as),
representando o 57% do total, mentres que os
autónomos ou empresarios/as individuais supoñen
o 37%. A porcentaxe restante, é dicir, o 6%
corresponde a pequenas e medianas empresas.
Analizando os
datos das entidades beneficarias por sectores produtivos, destaca a forte presencia do sector terciario,
xa que un 79% das axudas destinarase a empresas e autónomos/as que exercen
actividade nel. Ao sector terciario séguelle o sector secundario na distribución de axudas, posto que empresas deste
sector son beneficiarios dun 12% das axudas totais, mentres
que o sector primario resulta beneficiario dun 9% destas subvencións.
As empresas
beneficiarias abranguen un gran abano de actividades empresariais, destacando as vinculadas ao sector do comercio
(21,38%), a Hostalería e Comercio (20,23%) e á Construcción e Reformas (5,7%). Entre os
criterios de valoración que se tiveron en conta á hora de conceder as axudas se
atopan: a poboación do municipio onde se ubica a empresa, a actividade
económica, tipoloxía de empresa, a forma xurídica da empresa no caso de estar
enmarcada na economía social, cadro de persoal da empresa, a forma de selección
do persoal contratado, as características do contrato do traballador e da
persoa desempregada contratada, as
medidas de responsabilidade social levadas a cabo pola empresa e non ter sido
beneficiario da axuda na convocatoria anterior desa mesma liña.
Priorizándose as
empresas que optaban por contatacións
indefinidas, as realizadas a través dos servizos públicos de emprego, as que
optan por contratar aos colectivos máis vulnerables (persoas desempregadas de
longa duración, maiores de 45, menores de 30, mulleres desempregadas e persoas
con discapacidade), así como aquelas empresas ubicadas en concellos de menos de
2.000 habitantes e con actividade económica clasificada nunha das consideradas
con mellores perspectivas segundo a Estratexia Española de Activación para o
Emprego 2017-2020.
As empresas
poderán adicar a subvención a contratacións durante un período de un ano . As
persoas a contratar deberán estar empadroadas en calquera dos municipios da
provincia de A Coruña, ademáis de estar en situación de desemprego e inscritas
como demandantes de emprego nos Servizos Públicos de Emprego. Listaxe das empresas