A presidenta de Portos de Galicia,
Susana Lenguas, destacou hoxe que o ente autonómico está a impulsar a
adaptación dos seus portos cara a unha maior eficiencia medioambiental e
enerxética e trasladou o seu compromiso de que seguirá a traballar
neste eido para gañar en competitividade. Así o trasladou durante a súa
participación no acto de clausura do certame Ibernáutica 2019, que
reuniu desde onte a numerosos expertos en enxeñería naval, náutica
deportiva, medio ambiente e solucións sustentables en instalacións
náutico-deportivas, entre outros sectores.
Neste sentido, Susana
Lenguas salientou a importancia do sector da náutica en Galicia e a
necesidade de afrontar os retos aos que se enfronta este sector mediante
unha adaptación permanente cara a un modelo de xestión máis rendible,
sustentable e plenamente capacitado para manter a súa competitividade.
A
este respecto, a máxima responsable do ente público lembrou que Galicia
é actualmente un destino náutico de referencia nas rutas de navegación
Norte-Sur e conta con innumerables oportunidades de desenvolvemento
grazas á súa privilexiada situación estratéxica, á conformación
xeográfica da súa costa e tamén aos recursos naturais, patrimoniais e
paisaxísticos que posúe.
Neste sentido, marcouse como obxectivo
afianzar os atraques como portos base e incrementar os tránsitos de
embarcacións nos portos deportivos de Galicia e asegurou que a Xunta
seguirá a traballar para potenciar as infraestruturas náuticas mediante
estratexias de promoción e mediante o apoio para a obtención de
distintivos de calidade que fagan as mariñas e portos galegos máis
atractivos e adaptados ás necesidades dos navegantes nacionais e
internacionais. Ao mesmo tempo, apostará por potenciar os atraques de
porto base, dos usuarios habituais dos distintos peiraos autonómicos.