A CORUÑA | O compositor
chileno Álvaro Núñez Carballunca é o gañador do XIII Premio Andrés Gaos de
composición musical, convocado pola Deputación da Coruña, coa súa obra
"Vía". O xurado decidiu tamén nomear finalista a obra “Impresiones”
presentada polo madrileño Mario Carro Gigosos.
"Vía" de Álvaro Núñez Carballunca é a obra
gañadora do XIII Premio Gaos de composición musical segundo a decisión unánime
do xurado que decidiu outorgarlle os 6.500 euros cos que está dotado o premio
ademais da posíbel estrea da obra Orquestra Sinfónica de Galiza, para o que a
Deputación promoverá as xestións oportunas. Tamén por unanimidade, o xurado
decidiu nomear finalista a Mario Carro Gigosos coa súa obra
"Impresiones".
O xurado estivo presidido polo deputado de Cultura,
Xosé Xurxo Couto, coa xefa de servizo
Mercedes Fernández-Albalat como secretaria e composto por Carmen María
Ferreiro Soto, Mª Luisa Manchado Torres, Manuel Martínez Burgos, Mª de la Paz
Pita Vázquez e Florian Vlashi Velaj. Da composición gañadora, da autoría de Álvaro Núñez
Carballunca, o xurado destaca que
"é unha obra de exquisita factura; unha proposta valente e moi
contemporánea que introduce o mundo dos silencios, o que é unha interesante
suxestión para o público, xa que propón unha nova forma de escoita, diferente e
sosegada".
Núñez Carballunca naceu en Santiago de Chile e
creceu en Coyhaique, formándose musicalmente na capital chilena coa
Licenciatura de Música, Máster en Artes con mención en Composición talleres de
composición con Andrés Alcalde e tamén en Italia, no Conservatorio de Milano. Na
actualidade vive en Roma.
En canto á obra “Impresiones” de Mario Carro Gigosos, o xurado apunta que
ten "unha altísima calidade, un acabado brillante, unha escrita clara e un
concepto orquestral ben definido e moi agradecido". Na anterior edición, o gañador do Andrés Gaos foi
Manuel Martínez Burgos. Departamento de comunicación