Eva Solla, deputada e vicepresidenta do
Parlamento de Galicia, destacou hoxe na Comisión de Sanidade a necesidade histórica
de rematar coa carencia de psicólogas e psicólogos clínicos no Sergas e pediu
explicacións ao director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, Jorge Aboal, de
como este servizo tan necesario non está implantado na atención primaria.
“Hoxe levamos unha cuestión moi importante: a situación da saúde mental no
noso país. Nós xa solicitamos partidas específicas nos orzamentos para un Plan
de Saúde Mental que nunca chega á nosa comunidade. A
situación da psicoloxía no noso país é sangrante, xa que contamos cun
profesional de psicoloxía por cada 100.000 habitantes, algo moi inferior á
media do Estado e moi inferior tamén ao recomendado pola Organización Mundial
da Saúde”, explica Solla.
“Dende este Grupo Parlamentario temos recomendado que se incrementen as
unidades de atención, que se homoxeneicen os criterios e que se cren servizos
específicos e propios para estas doenzas”, apunta Solla. A deputada lembra que “en
Galicia temos un grado moi elevado de ansiedade crónica, que roza o 13%, e de
depresión, do 12%. Tamén temos unha taxa moi alta de suicido. Por todo isto,
unhas 225.000 persoas toman antidepresivos en Galicia, unha cifra elevadísima”.
Con estas cifras, Solla pregunta sobre que valoración fai o Goberno de
que “só houbera tres prazas para psicólogos/as clínicos nos últimos dez anos, cal
é o motivo de que non se implante este servizo na atención primaria, porque non
se conta con servizos propios e cando ten pensado o Goberno levar a cabo as
históricas demandas da psicoloxía clínica no Sergas”.
Dende Esquerda Unida denunciamos a vergoñenta situación da atención psicolóxica
en Galicia e vemos necesario incorporar o servizo de psicoloxía clínica na
atención primaria, tal e como se está comezando a levar a cabo en outras comunicades
como Asturias ou Aragón.
“Unha de cada tres consultas ten que ver coa ansiedade e a depresión e,
nesta situación, é preciso implantar este servizo na atención primaria. Agora
temos unha espera de nove meses na atención psicolóxica que se suple con
fármacos, algo que non se pode facer”, remata Solla.