O director xeral de Gandaría,
Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, reafirmou
hoxe o compromiso da Xunta de continuar prestando apoio os agricultores e
gandeiros galegos para mellorar as súas rendas e, en xeral, as súas
condicións de vida e traballo. Fíxoo hoxe na Estrada, nun encontro con
gandeiros da comarca de Tabeirós-Terra de Montes, no que confirmou a
continuidade das axudas públicas a estes colectivos que xestiona a
Consellería do Medio Rural no marco do Plan de Desenvolvemento Rural
(PDR) de Galicia e da PAC.
Así, Balseiros reiterou que se van
seguir fornecendo as achegas en diferentes liñas, como as destinadas á
mellora de explotacións, á incorporación de mozos ao agro, ao
asesoramento, ás pequenas explotacións ou para aquelas situadas en zonas
de montaña ou desfavorecidas.
Lei de recuperación
O
director xeral aproveitou tamén a ocasión para avanzarlles os gandeiros
algúns detalles da futura Lei de recuperación e posta en valor da terra
agraria de Galicia. Así, trasladou que esta norma terá por finalidade
recuperar terras abandonadas, aportarlle base territorial suficiente a
aquelas explotacións que a precisan, anticiparse ao problema dos lumes e
traballar pola recuperación demográfica e pola mellora da calidade de
vida da poboación. Un obxectivo, dixo, que se realizará facilitando,
entre outras actuacións, o contacto entre os interesados en poñer a
producir os predios e os seus propietarios.
Neste sentido,
Balseiros avanzou que a lei basearase, fundamentalmente, no uso e na
potenciación de dous instrumentos: o Banco de Terras, que se axilizará
coa nova norma, e o Banco de Explotacións. En relación con este último,
subliñou que servirá para apoiar e facilitar o contacto entre
agricultores e gandeiros que vaian abandonar a súa actividade e outras
persoas interesadas en darlle continuidade, co obxectivo de evitar o seu
desmantelamento e o das terras que as conforman. Falou ademais doutras
ferramentas, coma os polígonos agroforestais, os proxectos de uso
comunitario da terra e a iniciativa de aldeas modelo.
O director
xeral referiuse, así mesmo, ao traballo que está a desenvolver a Xunta
para mellorar a xestión dos residuos agrogandeiros mediante medidas
normativas (coa futura Lei reguladora do sistema integrado para a
xestión das dexeccións gandeiras, actualmente en trámite), formativas
(caso do plan específico para os agricultores da Limia, recentemente
presentado) e de impulso ao seu tratamento en plantas específicas, entre
outras actuacións.
Por último, José Balseiros explicou tamén que
por parte da Consellería e do sector estase avanzando no desenvolvemento
dunha estratexia específica de dinamización para o lácteo, con
participación plena dos axentes deste eido produtivo. Así, indicou,
estase traballando nunha completa análise e diagnóstico da situación e
avanzando propostas de futuro.