O titular do Goberno galego, Alberto
Núñez Feijóo, referiuse hoxe ao financiamento como asunto
prioritario na nova etapa que hoxe inaugura a Fegamp e no municipalismo
galego do noso tempo, cooperador, dialogante e construtivo. Durante
a clausura da X Asemblea Xeral da Fegamp, Feijóo aseverou que a Xunta
sempre estará á disposición da Federación Galega de Municipios e
Provincias, para dialogar e continuar avanzando. “A Xunta de Galicia
esfórzase por practicar un autonomismo cooperador”, dixo, reflectido no
Fondo de Cooperación local, dotado con arredor de 135 millóns de euros.
Ademais
do financiamento, Feijóo subliñou que tamén están sobre a mesa moitos
outros asuntos como a loita contra a vespa velutina, o despregamento da
rede de resposta ante as emerxencias, a introdución das novas
tecnoloxías, os avances en transparencia, así como traballar polo rural e
por paliar o problema demográfico.
“En todos eles poderase contar
coa Xunta e en todos eles estamos convencidos de que nos irá mellor con
diálogo franco, cunha cooperación intelixente e cunha lealdade
intrainstitucional, e traballando cóbado con cóbado a prol de Galicia”,
expuxo. Sen abandonar o eido do financiamento, o presidente do
Goberno galego recordou que o financiamento local e o autonómico están
indisolublemente asociados, e ambos vense afectados pola inestabilidade
que sofre España.
“A inestabilidade ten consecuencias e tamén as tería
unha política hipotecada por privilexios territoriais que esquecera a
igualdade que os españois teñen constitucionalmente recoñecida”,
sentenciou, agradecendo que os concellos españois compartan a xusta
reivindicación galega de que a Administración central do Estado devolva o
IVE retido ás autonomías e municipios. Ademais do incremento do
Fondo de Cooperación local e o seu mantemento malia a baixada de
ingresos durante a recesión económica, o responsable do Executivo
autonómico quixo subliñar outros logros acadados como a unificación das
convocatorias de prazas para policía local, a colaboración na loita
contra a violencia de xénero, a ampliación dos Grupos de Emerxencia
Municipal, a axenda social única e o pacto da paisaxe ou o pacto polo
clima.
Ao longo da súa intervención, Feijóo incidiu en que no
veciño converxe a cidadanía local, provincial, autonómica, nacional e
europea; e se se suman, todas esas instancias multiplican o benestar da
xente, mentres que se pola contra se restan, desperdiciaranse enerxías e
acabarase erosionando a necesaria confianza nas institucións
democráticas.
Nesta mesma liña, asegurou que tamén foi a fortaleza
do municipalismo a que permitiu erguer unha democracia moderna e unha
autonomía solvente, “e por iso cómpre renderlle un tributo aos que foron
capaces de facer tanto con tan pouco”, dixo, en recordo de Manuel Soto e
todos os concelleiros e alcaldes que abriron as portas dos concellos á
democracia e protagonizaron outra transición que, con frecuencia, se
esquece: a transición municipal.
“Manuel Soto e os rexedores que
inauguran a democracia local atopan unhas institucións que foran
maltratadas pola ditadura. Sen financiamento, sen competencias claras,
cun escaso prestixio na poboación, os pais fundadores do municipalismo
galego debían reverter esta situación, ao tempo que daban resposta ás
demandas dos veciños. E fixérono”, lembrou o presidente da Xunta.