A candidatura da Xunta para que a
Ribeira Sacra e as serras do Oribio e Courel se convertan na sétima
reserva da biosfera de Galicia deu hoxe un paso máis e decisivo de cara á
súa aprobación ao someterse á consideración do Comité de Coordinación
da Rede de Reservas da Biosfera de Galicia. Así o subliñou a conselleira
de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, quen
participou esta mañá na sesión constitutiva deste órgano, creado e
regulado por decreto a comezos de 2019 e co que se busca fomentar o
traballo en rede das reservas da biosfera existentes en Galicia co fin
de coordinar e mellorar o seu funcionamento.
Tras recibir o visto
bo do Comité, a Xunta está xa en disposición de presentar o documento
técnico que avala a candidatura ante a Secretaría do Comité español do
Programa MAB (Home e Biosfera) da Unesco, que será a encargada de
continuar coa súa tramitación. Deste xeito, cómprese co calendario
previsto xa que o pasado 24 de setembro, a directora xeral de Patrimonio
Natural, Belén do Campo, trasladoulle aos membros do Comité español do
Programa MAB, órgano de carácter consultivo, que antes de que rematara o
ano se presentaría oficialmente a candidatura da Ribeira Sacra.
Para
a Xunta, tal e como subliñou a conselleira, trátase dunha proposta
seria e rigorosa, que vén avalada por un gran consenso por parte dos
distintos axentes implicados e que aglutina a un total de 23 concellos
de Lugo e de Ourense cun alto valor paisaxístico e cultural en común,
unidos pola súa aposta por un desenvolvemento sustentable baseado nas
prácticas tradicionais.
Así, incidiu en que o territorio
conformado pola Ribeira Sacra e as serras do Oribio e Courel abrangue
espazos Rede Natura 2000 tan importantes como o ZEC Os Ancares-O Courel,
o ZEC Río Cabe, ZEC Monte Faro, o ZEC Pena Veidosa, ou o ZEC Canon do
Sil, o Enil Río Loio-Ruxidoira e o Monumento Natural Campodoia-Leixazós.
“Unha
reserva da biosfera é o mellor exemplo de compatibilizar o
desenvolvemento sostible, un territorio no que a protección da natureza é
acorde co seu desenvolvemento económico”, resaltou Vázquez, que
precisamente por isto fixo fincapé en que esta declaración non implicará
prohibicións ou limitacións senón, pola contra, suporá unha
extraordinaria oportunidade para todos os concellos que a integran e,
por suposto, para os seus habitantes.
Por iso, a conselleira
subliñou a importancia de lograr que a Ribeira Sacra e as serras do
Oribio e Courel se convertan a curto prazo na sétima reserva da biosfera
de Galicia, de tal xeito que o 42% da superficie da comunidade quedaría
amparada e salvagardada baixo algunha figura de protección.
Co
fin de concretar as actuacións a desenvolver nesta zona cando obteña a
súa declaración como reserva da biosfera –previsiblemente e se se
compren os prazos previstos, no ano 2021-, Ángeles Vázquez explicou que a
candidatura incorpora o seu propio Plan de Xestión, cun investimento
previsto en 10 anos de 4,5 millóns de euros; e se enmarca á vez dentro
do Plan de Acción Estratéxico de Ribeira Sacra, que foi informado
favorablemente polo Consello da Xunta hai case tres meses, contempla un
paquete de 10 actuacións ambientais e de ordenación do medio físico e un
orzamento total de 3,5 millóns de euros.
Tramitación
Cómpre
lembrar que o pasado mes de agosto a Xunta fixo en Pantón a
presentación oficial da candidatura coa que o espazo conformado pola
Ribeira Sacra e as serras do Oribio e Courel aspiran a conseguir este
recoñecemento de carácter internacional, xestionado e concedido pola
Unesco. O documento que avala a candidatura foi sometido a información
pública durante un mes, período no cal as persoas e entidades
interesadas puideron facer as súas achegas ao texto orixinal.
Finalmente
e tras concluír os informes derivados deste proceso, o documento
técnico definitivo presentouse hoxe ante os membros do Comité de
Coordinación da Rede de Reservas da Biosfera de Galicia, un trámite co
que se dá “un gran paso para o noso patrimonio natural”, como dixo a
conselleira.
Nesta liña, lembrou que esta candidatura foi froito
de máis de dous anos de traballo durante os que a Xunta mantivo un
diálogo constante con todos os axentes implicados e con intereses na
declaración da Ribeira Sacra como reserva da biosfera, entre os que
mencionou concellos, grupos de desenvolvemento rural, universidades,
sector turístico e outros colectivos, que tiveron ocasión desde o
principio de participar activamente e facer as súas contribucións á
proposta.
Seis reservas da biosfera en Galicia
Galicia
conta nestes momentos con seis reservas da biosfera -un dos
recoñecementos de carácter internacional máis importantes en relación
coa conservación e o uso sustentable do patrimonio- que representan
arredor do 25% do territorio da comunidade. Coa incorporación da Ribeira
Sacra, a extensión protexida en Galicia baixo a figura de reserva da
biosfera se incrementaría ata chegar ao 34% do territorio, de aí a
importancia desta candidatura para a preservación e o recoñecemento
internacional do patrimonio natural da comunidade.
Concretamente,
cómpre precisar que a zona proposta para a declaración aglutina en total
a 18 concellos de Lugo (Bóveda, Carballedo, Chantada, Folgoso do
Courel, O Incio, Monforte de Lemos, Pantón, Paradela, A Pobra do
Brollón, Portomarín, Quiroga, Ribas de Sil, Samos, Sarria, O Saviñao,
Sober, Taboada e Triacastela) e cinco da provincia de Ourense (Castro
Caldelas, Nogueira de Ramuín, Parada de Sil, A Peroxa e A Teixeira).
Camiño do triplo recoñecemento internacionalTrátase
dun territorio de excepcional valor en canto aos seus compoñentes
ambientais, paisaxísticos e culturais, como demostra a súa recente
declaración como Ben de Interese Cultural (BIC).
Neste sentido, se
a candidatura da Ribeira Sacra e as serras do Oribio e Courel prospera e
supera todos os requisitos e condicionantes establecidos polos
responsables da Unesco para a súa declaración, este territorio a cabalo
entre as provincias de Lugo e Ourense estaría en disposición de obter un
triplo recoñecemento por parte do organismo internacional.
Así,
cómpre lembrar que o pasado abril as Montañas do Courel obtiveron a
declaración de Xeoparque, converténdose así no primeiro espazo natural
con esta denominación en Galicia; e ademais, a Consellería de Cultura
traballa xa nunha iniciativa para promover o recoñecemento da Ribeira
Sacra como Patrimonio Mundial por parte da Unesco.