A conselleira de Política Social,
Fabiola García, explicou hoxe no Parlamento galego os resultados
do programa de Coidados porta a porta impulsado este ano polo Executivo
autonómico. Un servizo que achega revisións de optometría, podoloxía,
estimulación da memoria e outras prestacións ás persoas maiores que
viven no rural.
A conselleira sinalou que durante o 2019 esta
iniciativa atendeu a máis de 2.100 persoas de 20 concellos do rural.
Ante a boa acollida deste proxecto o Goberno galego ampliará o vindeiro
ano a ruta do seu autobús ata multiplicala por dez e chegar a 200
concellos de Galicia. Fabiola García lembrou que o obxectivo da
Xunta de Galicia é ofrecer servizos de calidade ao maior número de
maiores alí onde eles prefiran. Neste sentido salientou que son os
propios usuarios os que demandan atencións nos seus propios domicilios e
por iso, o Executivo autonómico continuará impulsando iniciativas que
permitan ofrecer coidados sen que os usuarios teñan que desprazarse.
Exemplo
diso é o Servizo de Axuda no Fogar, que no próximo ano chegará a 24.000
usuarios; o programa Xantar na Casa, que leva comida os sete días da
semana a preto de 200 concellos; o servizo de Teleasistencia que
beneficia a 6.000 usuarios na nosa Comunidade ou a rede de casas do
maior, pequenos centros de día no rural que chegarán a 60 no próximo
ano.