A CORUÑA | O
programa PEL-Emprende da Deputación da Coruña destina este ano 3.100.000 euros
para apoiar a 406 pequenas empresas e autónomos/as da provincia nos seus
investimentos e actividades. A
concesión das axudas vén publicarse no Boletín Oficial da Provincia e supón un
importante apoio económico para que estas 406 empresas podan adquirir aplicacións
informáticas, maquinaria ou equipos de procesamento de información necesarios
para o crecemento e modernización dos seus negocios; así como crear tendas
online, implementar plans de responsabilidade social empresarial, markéting e
comunicación ou accións de expansión e exportación de produtos.
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González
Formoso, afirmou o que
investimento nesta liña do PEL increméntase en 1 millón de euros con respecto
ao ano pasado “debido ao elevado número de solicitudes recibidas” e destacou “a
utilidade das axudas do PEL-Emprende para consolidar e
modernizar o tecido empresarial da provincia, facéndoo máis competitivo e
permitindo que proxectos emprendedores que empezan de xeito moi modesto, podan,
en poucos anos, chegar a consolidarse e incluso
ser referencia no seu sector".
As axudas subvencionan ata un 80%
dos investimentos e actividades das empresas, con axudas que van dos 2.000 aos
20.000 euros. No caso da liña para investimentos, o 51% dos beneficiarios/as
son autónomos, seguidos por un 46,5% de microempresas cun máximo de dez
traballadores; mentres que no apartado de actividades un 57% son microempresas
e un 33% empresarios individuais.
O 65% das empresas beneficiarias das
axudas PEL-Emprende 2019 están dirixidas por mulleres e céntranse sobre todo no
sector terciario. Arredor dun 90% das empresas beneficiarias enmárcanse neste
sector no que destacan as actividades relacionadas co comercio, o turismo,
servizos tecnolóxicos, de saúde ou de educación.
O 96% das empresas que reciben
axudas do PEL-Emprende 2019 non foron beneficiarias da convocatoria anterior e
preto do 15% son empresas creadas no último ano, polo que de novo a Deputación
aposta por impulsar as iniciativas emprendedoras de recente creación, na liña
doutras accións de apoio ao emprendemento coma a posta en marcha da Rede
Provincial de Espazos de Coworking, que xa conta cunha sede no Pazo de Arenaza
(Oleiros) e inaugurará a vindeira semana un novo centro en Brión. Outros
municipios da provincia coma Boiro, Carballo e Ames traballan tamén na posta en
marcha dos seus centros desta rede PEL para emprededores/as.
Distribución por concellos e comarcas
En
canto á distribución das axudas por
concellos, en PEL-Emprende Investimento cabe destacar que se van
beneficiar 75 empresas
pertencentes ao concello da Coruña,
cun total concedido de 662.968,79 euros, 47 de Santiago de Compostela
con 478.065 euros, e Ferrol con 31 solicitudes concedidas por un
total de 346.013 euros. Entre as tres suman 153 das 280 solicitudes concedidas para
investimentos, o que supón un 54,64%.
Na liña
PEL-Emprende para actividades concédense un total de 39 axudas a empresas con sede no concello da Coruña, que supoñen un
total de 161.303,65 euros , seguida de Santiago
de Compostela (16 empresas que recibirán un montante de 68.685,89 €), Ames (7 solicitudes concedidas), e Ferrol, Ribeira, Cambre e Teo con 4.
En canto a distribución por comarcas, en PEL
Emprende Investimento, a comarca coruñesa é a que máis subvencións
recibe (662.968 €), seguida de Santiago (478.065 €), Ferrol (346.013 €),
Betanzos (169.001 €), Ordes (159.222€) e Barbanza (142.946€).
Na liña de actividades,
a comarca da Coruña é a que máis solicitudes concedidas ten, cun total de 56
empresas beneficiarias (44% do total) e un importe concedido de 230.225 €,
seguida da comarca de Santiago con 30 empresas beneficiarias e una contía
subvencionada de 122.534 euos. Investimento / Actividades