Un
ano máis o BNG converte o aniversario da Constitución nunha xornada de
reivindicación, neste caso a favor do dereito de autodeterminación dos pobos
cunha acto simbólico que congregou e centos de militantes e simpatizantes en
Santiago nunha cadea humana que rodeou o Museo do Pobo Galego.
A portavoz nacional, Ana Pontón, lembrou
a “friaxe” coa que a Constitución foi acollida en Galicia en 1978 e destacou que
a súa “sacralización, como se se tratase das táboas de Moíses” é promovida
polos poderes que queren que todo siga “atado e ben atado”. “Blinda os
privilexios duns poucos”, recalcou, “pero non serviu para evitar a emigración
da mocidade, que os nosos maiores estean á cola en pensións, nin garante
dereitos básicos como o emprego, a vivenda ou o uso normalizado do idioma
propio”.
Por iso, o BNG considera fracasado e
superado o actual marco constitucional, marcado pola corrupción da monarquía e
das elites políticas e económicas, e que actúa como corsé que lastra o futuro
do país.
“Queremos
unha Galiza máis forte e con autogoberno real para mellorar as condicións de
vida dos e das galegas e das persoas que decidan vir para aquí. Por iso reclamamos un novo status político
para Galiza, que nos recoñeza como unha nación, e que nos dea novas ferramentas
e capacidade de decisión real, para pode facerlle fronte aos desafíos e necesidades
da Galiza do século XXI”, salientou.
A líder nacionalista insistiu en que o problema “é
a dependencia” potenciada por unha Constitución que propicia un deseño centralista.
“Está demostrado, canto máis centralismo, máis desigualdade. A resposta ao
centralismo e á desigualdade que provoca é confiar nas nosas propias forzas,
confiar no BNG”, recalcou, tras advertir que a solución aos problemas do país
non vai vir desde Madrid, “senón que hai que construíla aquí, con confianza e apostando
por un novo status de nación que nos dea soberanía e todas as ferramentas
necesarias para mellorar a vida das persoas e facer que Galiza avance”.
Pontón recriminou á “esquerda española” que
pensando en “réditos electorais” permitiu o avance da extrema dereita, “que
pretende ilegalizar a forzas como o BNG, ilegalizar o noso idioma e as nosas
institucións”. E tachou de “inaceptable” que
esas forzas de esquerda usen a que propagan o discurso do odio, en
referencia a Vox, precisamente para apuntalar á Constitución.
Romper o discurso do odio
“Vemos á esquerda pregada ao marco da extrema
dereita cando o que convén é xusto o contrario, hai que mover os marcos,
romperlles o discurso e apostar con normalidade por asumir que o Estado español
é plurinacional e plurilingüe e aceptando con normalidade o dereito dos pobos a
decidir”.
Coa vista posta nas eleccións galegas, Pontón
destacou o traballo feito polo BNG ao longo dos últimos anos, “conseguindo
ampliar a nosa base social e electoral o que nos permitir ir a por todas para
liderar o cambio político na Xunta en 2020”, concluíu.
O deputado no Congreso, Nestor Rego, destacou a
herdanza de Castelao e Bóveda, “aos que lembramos e continuamos” na defensa
dunha “nación libre”, arremetendo contra unha monarquía “corrupta e anacrónica”
e hoxe, dixo, “é un bo momento para lembrar que Galiza non ten Rei”.
Galicia recupera voz propia en Madrid
Rego salientou cales van ser os eixos da acción
política do BNG na Cámara baixa, agora que Galiza “volve ter voz soberana en
Madrid”: defensa dos intereses dos e das galegas, defensa dos dereitos sociais
e nacionais deste país e defensa da democracia. “Ningún problema ficará sen a
defensa do BNG”, subliñou, citando cuestións como a demografía, as baixas
pensións, a derrogación pendente da Lei mordaza, da LOMCE ou das
contrarreformas laborais.
A defensa da soberanía de Galiza será unha
cuestión clave fronte ao “españolismo de vello e novo signo” que nega o dereito
de autodeterminación dos pobos. Nas intervencións políticas, tamén a portavoz
en Bruxelas, Ana Miranda, fixo un alegato en defensa dos dereitos dos pobos, da
igualdade e do feminismo cunha mención ás mobilizacións para recuperar servizos
no Hospital de Verín: “porque as mulleres temos dereito a parir onde queiramos
non onde nos diga Feixóo”.
E o secretario xeral de Galiza Nova, Paulo Ríos,
destacou a “inutilidade” dunha Constitución que non garante os dereitos da
xente moza que condena á emigración ou á precariedade. Departamento de comunicación