OURENSE | O
presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o alcalde da
capital ourensá, Gonzalo Pérez Jácome, coincidiron en destacar hoxe,
nunha rolda de prensa conxunta que ofreceron no Pazo Provincial, o gran
impacto mediático, promocional e publicitario
que suporá a chegada, un ano máis, da Vuelta a España á provincia, e
sinaladamente, o feito de que a cidade de Ourense “acolla un final de
etapa decisivo para esta rolda ciclista, como será o que terá lugar o 2
de setembro, a penas uns días antes de que remate
a Vuelta -o 6 de setembro en Madrid-, que terá o seu inicio o 24 de
agosto en Utrech (Holanda), sendo a edición máis internacional”,
expresou Baltar, salientando que esta etapa, de 180 quilómetros, terá
como protagonista no seu percorrido á Ribeira Sacra e
como meta a cidade de Ourense”.
“É
a 75ª edición dunha das probas máis importantes do ciclismo mundial que
contribuirá a seguir incrementando o número de visitantes
á nosa provincia, que ten rexistrado as cifras máis altas de turistas e
pernoctacións da historia, na provincia e na cidade, datos que
coñecemos hai semanas”, dixo o presidente do goberno provincial,
afirmando que “imos da man Deputación e Concello nunha cuestión
que consideramos de interese, porque a mesma caravana da Vuelta move a
unhas 3.000 persoas e é un evento que se vai retransmitir a 186 países”.
Baltar
expresou que esta é unha das liñas de colaboración entre Deputación e
Concello, e citou tamén a cooperación para levar
adiante o Plan de Obras do Concello de Ourense, “dentro dun horizonte
que nos marcamos para facer desta lexislatura un mandato dos máis
importantes na historia da capital ourensá, froito da colaboración
máxima entre dúas institucións que teñen as maiorías
absolutas para proceder en función dos intereses que marquen os grupos
de goberno”.
“A piques de rematar 2019, este é un momento de pór en
valor a unidade de acción, os retos compartidos, os obxectivos fixados e
unha capacidade manifesta de seguir nesa mesma
dinámica, con cuestións estratéxicas que deixarán unha importante
pegada”.
Jácome
Pola
súa banda, Gonzalo Pérez Jácome salientou que “encararemos o 2020 con
investimentos en Ourense, xa que o feito de que teñamos
orzamentos vai facilitar e axilizar a realización de obras, e tamén vai
ser fundamental, ademais, a realización de modificacións de crédito e
axudas por parte da Deputación e da Xunta de Galicia para realizar
actuacións concretas, co cal se revitalizará a
cidade”.
O alcalde de Ourense afirma, en relación á Vuelta, que o
investimento que realizaremos “compensa totalmente” porque é un evento
do que van gozar miles de persoas”, remarcando como exemplo o impacto
que terá na hostalería e “a publicidade que suporá
en toda España a promoción da cidade de Ourense”.
Nesta
edición de 2020, a Ribeira Sacra volverá a ter un destacado
protagonismo na Vuelta, o que incidirá no resto da provincia
de Ourense, xa que esta proba ciclista conta con millóns de
espectadores en todo o mundo e cunha cobertura informativa que abrangue
máis de 180 países, con 1.200 xornalistas e fotógrafos acreditados, e
unha caravana publicitaria que xera en cada etapa un gasto
diario de 250.000 euros, e un seguimento a través de Internet de 12
millóns de persoas.