A candidatura coa que a Ribeira Sacra e
Serras do Oribio e Courel aspiran a converterse na sétima reserva da
biosfera de Galicia xa está presentada oficialmente. Hoxe mesmo o
documento técnico elaborado pola Xunta foi remitido á Secretaría do
Comité Español do Programa MAB (Home e Biosfera) da Unesco, que será o
encargado agora de continuar coa súa tramitación.
A Xunta cumpre
así co calendario previsto, ao remitir a candidatura antes de final de
ano ante o órgano consultivo responsable de avaliar todas as propostas
españolas que aspiran a ser declaradas reservas da biosfera. Hai dúas
semanas o documento técnico da Ribeira Sacra superou o último trámite
administrativo que lle quedaba na comunidade ao someterse á
consideración do Comité de Coordinación da Rede de Reservas da Biosfera
de Galicia. E unha vez remitido pola Consellería de Medio Ambiente a
Madrid, será agora o Comité Español do Programa MAB o encargado de
continuar coa tramitación interna da candidatura.
Así, a memoria
técnica elaborada pola Xunta deberá superar a continuación o informe do
Consello Científico, órgano asesor do Comité e que fai unha labor de
seguimento, avaliación e apoio técnico ás reservas da biosfera, ademais
de ser o encargado de recomendar ou non a aprobación das novas
propostas. Unha vez superado este trámite, a candidatura da Ribeira
Sacra deberá someterse á deliberación dos membros do Comité Español do
Programa MAB, órgano de carácter consultivo.
Este sería o último
paso antes de que o expediente pase a mans da Unesco para a decisión
definitiva. Precisamente, no recente Cumio Mundial do Clima celebrado en
Madrid a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, tivo
ocasión de informar a Miguel M. Clusener- Godt -secretario do Programa
MAB da Unesco, que deberá pronunciarse en última instancia sobre a
declaración- dos últimos avances na candidatura da Ribeira Sacra, ao
tempo que o convidou a visitar Galicia e coñecer a zona persoalmente.
Cómpre
lembrar que a memoria técnica remitida hoxe a Madrid é froito dun longo
e minucioso traballo liderado pola Xunta pero no que participaron
numerosas persoas, colectivos e institucións interesadas en acadar o
desenvolvemento sostible dun territorio que alberga un patrimonio
natural e cultural tan valioso. Concretamente, concellos, grupos de
desenvolvemento rural, universidades, sector turístico e outros
colectivos tiveron ocasión desde o principio de participar activamente e
facer as súas contribucións á proposta durante os dous anos que durou a
súa tramitación.
Trátase, polo tanto, dun documento serio e
rigoroso, que vén avalado por un gran consenso previo, como demostran os
escritos emitidos por 41 entidades públicas para amosar o seu apoio
formal á candidatura ou o feito de que no período de participación
pública tan só se recibiran nove alegacións.
Ademais, co fin de
concretar as actuacións a desenvolver nesta zona cando obteña a
declaración de reserva da biosfera –previsiblemente e se se compren os
prazos previstos, no ano 2021-, a candidatura incorpora o seu propio
Plan de Xestión, cun investimento estimado en 10 anos de 4,5 millóns de
euros; e se enmarca á vez dentro do chamado Plan de Acción Estratéxico
de Ribeira Sacra, que foi informado favorablemente polo Consello da
Xunta hai case tres meses, contempla un paquete de 10 actuacións
ambientais e de ordenación do medio físico e conta cun orzamento total
de 3,5 millóns de euros.
O espazo conformado pola Ribeira Sacra e
Serras do Oribio e Courel aglutina a un total de 23 concellos -18 da
provincia de Lugo e outros cinco de Ourense- cun alto valor paisaxístico
e cultural en común, unidos pola súa aposta por un desenvolvemento
sustentable baseado nas prácticas tradicionais. Trátase dun territorio, a
cabalo entre as provincias de Lugo e Ourense, de excepcional valor e
riqueza polos seus compoñentes ambientais, paisaxísticos e culturais,
como demostra a súa recente declaración como Ben de Interese Cultural
(BIC).
De feito, a zona proposta como futura reserva da biosfera
abrangue espazos Rede Natura 2000 tan importantes como o ZEC Os
Ancares-O Courel, o ZEC Río Cabe, ZEC Monte Faro, o ZEC Pena Veidosa, ou
o ZEC Canon do Sil, o Enil Río Loio-Ruxidoira e o Monumento Natural
Campodoia-Leixazós.
Neste sentido, se a candidatura supera todos
os requisitos esixidos pola Unesco, este territorio estaría en
disposición de obter un triplo recoñecemento por parte do organismo
internacional. Cómpre lembrar que o pasado abril xa declarou Xeoparque
as Montañas do Courel, que se converteron así no primeiro espazo natural
con esta denominación en Galicia; e ademais, a Consellería de Cultura
traballa nunha iniciativa para promover o recoñecemento da Ribeira Sacra
como Patrimonio Mundial. Así mesmo, de cumprirse o obxectivo de que en
2021 a Ribeira Sacra se converta na sétima reserva da biosfera de
Galicia, o 42% da superficie galega quedaría amparada baixo algunha
figura de protección.
Seis reservas da biosfera en Galicia
Galicia
conta nestes momentos con seis reservas da biosfera -un dos
recoñecementos de carácter internacional máis importantes en relación
coa conservación e o uso sustentable do patrimonio- que representan
arredor do 25% do territorio da comunidade. Coa incorporación da Ribeira
Sacra, a extensión protexida en Galicia baixo a figura de reserva da
biosfera se incrementaría ata chegar ao 34% do territorio, de aí a
importancia desta candidatura para a preservación e o recoñecemento
internacional do patrimonio natural da comunidade.