A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez,
salientou no Parlamento a sinatura hoxe dos primeiros 78 contratos do
Plan de transporte público de Galicia, que se poñerán en marcha antes do
reinicio da actividade escolar en xaneiro. Vázquez Mourelle
concretou que no vindeiro mes de xaneiro tamén se licitará o lote de
contratos pendentes, arredor de 30, para que no verán estean en
funcionamento.
Subliñou que estes contratos garanten que Galicia
siga a ter transporte público tras o vencemento das concesións e renovan
integramente os servizos de autobús, artellando un sistema de
transporte público máis sostible e eficiente para que os veciños cheguen
ao centro médico, ás súas quendas de traballo ou aos seus estudos.
Fixo
fincapé en que os case 130 contratos que conforman o Plan de Transporte
Público de Galicia suporán un volume de negocio de 1.200 M€, dos cales
730 os achega a Xunta. Sinalou que eses contratos incrementarán
nun 118% a cobertura dos servizos de autobús, que cubrirán case 61
millóns de km ao ano, situando ao 97% da poboación galega a menos de 200
metros dunha parada.
A titular de Mobilidade tamén destacou que
en 2020 se estenderán ao conxunto de Galicia as novas modalidades de
transporte, compartido e a demanda, iniciadas en 2017 e que están a
rexistrar unha grande acollida. O autobús compartido, que ofrece
máximas garantías aos escolares, ten permitido que 300.000 persoas
aproveitasen xa as prazas baleiras dos buses escolares para facer os
seus desprazamentos cotiás.
O transporte a demanda xa posibilitou que máis de 11.300 persoas chamaran á central de reservas solicitando algún servizo. A
conselleira adiantou que o novo plan tamén permitirá que os usuarios de
toda Galicia se beneficien das vantaxes actuais do transporte
metropolitano. Así, precisou que a medida que se poñan en marcha os
novos contratos e se instalen os dispositivos de cobro, poderase pagar
coa tarxeta TMG os desprazamentos en bus interurbano en toda a
comunidade.
Esta extensión suporá bonificacións para todos os
usuarios que terán, ademais, transbordos gratuítos; e descontos extra
para viaxeiros habituais e para as familias numerosas.
Avanzou que
a partir do 1 de xaneiro a tarxeta ‘Xente Nova’ se ampliará a todos os
menores de 21 anos, facendo posible a gratuidade no transporte a 42.000
mozos máis que antes non a tiñan. Ademais indicou que o novo plan
posibilitará, de xeito progresivo, a extensión a todo o territorio da
comunidade do uso deste dispositivo co que os menores de 21 anos
realizarán de balde as viaxes no autobús interurbano.
Salientou
como fito ter operativa en xullo a tarxeta ‘Xente Nova’ no territorio
que engloba os primeiros 98 contratos licitados, que se porán en servizo
de maneira inmediata, a maioría deles, antes do reinicio da actividade
escolar en xaneiro; entre eles, eses 78 contratos asinados hoxe.
Pontevedra
Por outra parte, a conselleira destacou que os novos contratos
permitirán que na comarca de Pontevedra se inclúan dúas novas liñas de
transporte urbano de competencia municipal que conectarán o centro da
cidade con Montecelo e Monteporreiro.
Explicou que a Xunta asumirá
a xestión desas liñas, integradas dentro dos novos contratos de
transporte público, e o Concello se fará cargo do déficit económico que
xeren. Non obstante, precisou que este servizo de competencia
municipal non é comparable co que prestan cidades como Lugo, Vigo ou
Santiago, que si asumen esa responsabilidade do transporte urbano desde a
Administración local.
Puxo como exemplo que o Concello de Lugo
dispón de 21 liñas urbanas ás que destina 2 millóns de euros anuais,
fronte ao Concello de Pontevedra, que só ofrecerá dúas liñas e nas que
investirá nin 120.000 euros, un 94 % menos que o primeiro municipio.