A CORUÑA | O Pazo de
Mariñán (Bergondo) acolleu esta noite o
acto de entrega da III edición dos premios PEL, uns galardóns cos que a
Deputación da Coruña recoñece cada ano ás mellores empresas da provincia e que
este ano amplíase as iniciativas de asociacións, concellos e empresas en materia
de emprego e aposta polo desenvolvemento económico.
O acto, conducido
polo popular actor Marcos Pereiro, contou coa asistencia do presidente da
Deputación, Valentín González Formoso, o vicepresidente, Xosé Regueira, o
deputado responsable da área de Emprego e alcalde de Culleredo, José Ramón Riobóo;
o presidente do xurado e da Confederación de Empresarios da Coruña (CEC),
Antonio Fontenla, así como numerosos alcaldes e unha nutrida representación do
mundo empresarial da provincia da Coruña.
A tecnolóxica
coruñesa Igalia recibiu o galardón á Mellor Iniciativa Empresarial Consolidada pola súa traxectoria de case dúas décadas no
ámbito do software libre, que a sitúan como líder mundial na consultaría de
tecnoloxías web, traballando coas grandes empresas internacionais do ámbito tecnolóxico.
Entre outros proxectos, axudou a mellorar os navegadores de Google Chrome e
Safari, de Apple. Pechou 2018 cunha facturación de máis de 8,5 millóns de euros
e conta cunha plantilla de 43 empregados (a maioría socios da empresa) en distintos
lugares do mundo.
A empresa
compostelá Estudio 1917 MakeUp, creada hai menos dun ano e especializada en
maquillaxe e caracterización para producións audivisuais e moda, foi
galardonada como Mellor Inicativa Empresarial Nova. O xurado valorou a
orxinalidade da idea e os numerosos traballos que desenvolven nun campo en
continuo crecemento, coma o sector auidiovisual galego.
No premio ás
inciativas empresariais xeradoras de emprego, a galardoada foi a cooperativa cultural
compostelá Numax, que desenvolve distintas actividades relacionadas co cinema
e a industria cultural e que, en apenas catro anos de traxectoria, conseguiu
pasar de 3 a 14 postos de traballo, 11 dos cales son como socios/as da
cooperativa.
Ademáis de
recuperar o cine independente e en versión orixinal no corazón de Santiago cun
proxecto cultural cooperativo inédito en España, Numax impulsou a recuperación
do Cine Duplex de Ferrol e é a distribuidora de “O Que Arde”, o filme en galego
de Oliver Laxe que gañou o premio de xurado en Cannes e que competirá coas grandes produccións españolas
de 2019 por facerse cos premios Goya á mellor película, mellor dirección,
mellor actriz e mellor fotografía.
Como novidade,
este ano os premios PEL recoñeceron tamén as iniciativas dos municipios
coruñeses que traballan pola creación de emprego de calidade, onde o xurado
decidiu seleccionar entre as 14 candidaturas presentadas nesta categoría ao
Concello de Vedra polos seus programas de apoio ao emprendemento no rural,
entre os que destaca a posta en marcha dun centro coworking localizado en Santa
Cruz de Ribadulla e de xestión municipal.
Na categoría de
mellor asociación empresarial da provincia impúxose a Asociación de Empresarios
de Ferrolterra, polos numerosos servizos de apoio e asesoramento que presta aos
seus 153 asociados dende a súa creación en 1992. Tamén houbo un
recoñecemento para o mellor comunicador/a en materia de Emprego, Industria e
Economía, que recaeu na xornalista de La Voz de Galicia en Ferrol, Beatriz
García Couce, cunha dilatada experiencia profesional neste ámbito.
Empresas e institucións públicas que traballan para
“facer país”
O presidente da
Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, foi o encargado de entregar os
galardóns e destacou a gran calidade das 84 candidaturas que este ano
concorreron ao certame nas diferentes categorías, “unha boa mostra do enorme
potencial que ten a provincia da Coruña para continuar innovando e impulsando
proxectos empresariais de éxito que nos permitan seguir sendo o motor do
desenvolvemento económico de Galicia”, afirmou.
González Formoso
destacou que “a Deputación coincide coas empresas e entidades premiadas esta
noite nunha idea fundamental: a de facer país” e apuntou que, en eidos tan
diversos coma a tecnoloxía, a cultura ou a moda, “a provincia da Coruña sitúase
á vangarda con empresas que comezan de xeito moi modesto, pero que teñen unha
gran proxección de futuro”.
“Hoxe premiamos
ás empresas, pero sobre todo premiamos o talento e o esforzo das persoas que
hai detrás delas”, afirmou o presidente, que lembrou que o Plan de Emprego
Local (PEL) que dá nome a estes galardóns partiu tamén dunha idea ambiciosa:
converter á Deputación, que apenas desenvolvía actividade no eido do emprego,
no maior axente activo de promoción de emprego da provincia.
“Así foi como
naceu o PEL, un plan que, en catro anos, permitiu a 2.565 persoas incorporarse
ao mercado laboral e axudou a máis de 1.800 emprendedoras e emprendedores da
provincia a facer realidade as súas ideas de negocio”, apuntou González
Formoso, que considerou “necesario” que as administracións sigan “implicándose
a fondo en plans coma o PEL, que suman os esforzos dos sectores público e
privado para dar solución ao principal problema deste país: o desemprego”.
Pola súa banda,
Antonio Fontenla, presidente da Confederación de Empresarios da Coruña e tamén
presidente do xurado, agradeceu á Deputación da Coruña o impulso a "unha
brillante iniciativa que valoriza a innovación, o esforzo e a responsabilidade
social das nosas empresas" e destacou o elevado nivel das empresas que
concorreron aos premios e a profesionalidade do xurado, composto por José
Manuel Cotos, profesor titular da USC; José Andrés Faíña, presidente do Grupo
de investigación de Competencia e Desenvolvemento da Unión Europea da UDC;
Carlos Fernández Bermúdez, vicepresidente da Cámara de Comercio da Coruña; Rosa
Mary Cardeso, secretaria da Cámara de Comercio de Santiago de Compostela e
Isabel Ferro, xerente de I+D na empresa Calvo.
A esta terceira edición dos premios PEL presentáronse un
total de 84 candidaturas nas diferentes categorías, seis máis que na pasada
edición. Estas candidaturas, tan dispares como innovadoras, abranguían
actividades como a loxística internacional, a fabricación e deseño de
garabatas, panos e paxarelas exclusivos, a produción e comercialización de kombucha
e demais probióticos, negocios relacionados co turismo e o márketing, un espazo
de coworking, ou empresas dedicadas a desenvolver apps que tentan facer a vida máis sinxela. Cada un dos
galardoados recibiu un trofeo de olería de Buño, un diploma acreditativo e un
premio en metálico de 15.000 euros. Departamento de comunicación