A Xunta activa mañá a extensión da gratuidade do autobús interurbano
a todos os menores de 21 anos coa tarxeta ‘Xente Nova’ nas áreas de
Transporte Metropolitano. Esta ampliación, enmarcada no Plan de
transporte público de Galicia, permitirá que a partir de mañá os mozos
con idades comprendidas entre os 4 e os 20 anos poidan realizar viaxes
de balde no transporte público, medida que ata agora se limitaba ata os
18 anos incluídos.
O Goberno galego destinará no ano 2020 unha
partida de máis de 2,6 millóns de euros para materializar esta
iniciativa, o que supoñería un incremento de máis do 52% na
bonificación, pois no ano 2018 realizáronse bonificacións por importe de
máis de 1,7 millóns euros. Os usuarios da tarxeta ‘Xente Nova’,
tal e como vén funcionando dende a súa posta en marcha en 2016, poderán
realizar de balde un total de 60 viaxes mensuais no transporte público
regular por estrada.
Esta gratuidade superará este ano o actual
ámbito territorial das Áreas de Transporte Metropolitano e resultará de
aplicación en calquera viaxe interurbana que se efectúe en calquera
concello da comunidade galega. A extensión territorial a toda a
comunidade realizarase de xeito progresivo, consonte coa programación
que aprobará a Xunta de acordo co proceso de dotación de máquinas
canceladoras nos novos contratos de transporte.
A poboación
obxectivo final de xuventude destinataria, unha vez que se implante en
toda Galicia, é de máis de 372.000 persoas, fronte ás máis de 55.500 que
na actualidade xa están a utilizar esta tarxeta. A Xunta tamén
avanzará na innovación tecnolóxica, implantando unha tarxeta virtual a
través dos teléfonos móbiles, que poderá complementar ou substituír aos
actuais dispositivos.
Programa social
Esta iniciativa ten unha
compoñente social coa que o Goberno galego busca contribuír á economía
das familias, aliviando os gastos que ata o de agora lle podía supoñer o
transporte metropolitano dos seus fillos. A citada iniciativa
tamén ten unha vertente educativa, ao facilitar o acceso á formación non
obrigatoria, estendendo a gratuidade do transporte aos centros
educativos e tamén a outros desprazamentos habituais dos mozos.
A
medida contempla ademais o factor de sensibilización e concienciación,
xa que coa tarxeta ‘Xente Nova’ foméntase entre os máis novos o uso do
transporte público e dunha mobilidade sustentable e respectuosa co
medio.