OURENSE | O
Concello de Ourense acode un ano máis á Feira Internacional de Turismo
Fitur, que se celebra en Madrid do 22 ao 26 de xaneiro, cunha aposta
polo termalismo aliado coa dinamización da Vía da Prata ao seu paso pola
cidade. A proposto denomínase O Camiño entre augas, unha conexión que desde o departamento de Turismo e Termalismo se considera moi adecuada para o ano previo ao Xacobeo 2021.
“Somos
conscientes de que o Xacobeo 2021 é o evento turístico máis importante
dos próximos anos, e en Ourense estamos preparados para mostrarnos como
destino singular, co termalismo como máximo expoñente e co Camiño
Mozárabe – Vía da Prata como camiño preferente”, sinala a concelleira de
Turismo e Termalismo, Flora Moure. “Todo iso mostrarémolo ao mundo en
FITUR a próxima semana”.
Espérase que ao evento acudan divulgadores, prescritores e profesionais vinculados co sector turístico.
A
presentación terá lugar na caseta de Turismo de Galicia o vindeiro
xoves 23 de xaneiro ás 13:30 horas, no pavillón 9 de IFEMA, nun acto
presentado pola actriz ourensá Cayetana Cabezas e que contará coas
intervencións do alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, e da
concelleira Flora Moure. Nese evento estrearase, ademais, un novo vídeo
turístico da cidade de Ourense.
FITUR,
a feira clave do sector, compre 40 anos nesta edición e espera superar
as súas cifras de 2019, nas que recibiu a visita de 253.000 persoas. Departamento de comunicación