A conselleira de Medio Ambiente,
Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, avanzou esta mañá que no primeiro
trimestre se procederá á convocatoria de axudas, dirixidas aos
concellos, para impulsar a Rede de preparación para a reutilización e
reparación, a denominada “Rede PxR”.
A conselleira recordou que se
trata dunha das medidas que se impulsa desde a Dirección Xeral de
Calidade Ambiental e Cambio Climático para colaborar coas entidades
locais para mellorar a xestión dos residuos urbanos. O importe que
destinará a Xunta ao longo de 2020 elévase a 2,6 millóns de euros, o que
supón 1,2 millóns de euros máis que no ano anterior, para un paquete de
medidas que impulse a mellora na prevención e xestión dos residuos.
Ángeles
Vázquez visitou esta mañá o Centro Ocupacional de Discapacitados de
Valga, onde se puxo en marcha un proxecto piloto para a creación dunha
rede galega de preparación para a reutilización e reparación de
aparellos; e o que é máis importante, converteuse nun exemplo de servizo
público de prevención da xeración de residuos domésticos, priorizando a
autorreparación e a educación sustentable, incrementando a eficiencia
dos recursos, na liña do que impulsa a economía circular.
Neste
centro concreto, implantouse un espazo de reparación con tres áreas:
mobles de madeira, materiais téxtiles e pequenos electrodomésticos, ao
tempo que se creou un punto de intercambio gratuíto de bens de segunda
man entre os usuarios; é dicir, procurouse unha nova vida para os
aparellos e obxectos domésticos, reducindo a xeración de residuos.
En
definitiva- explicou Ángeles Vázquez, o CODI de Valga avanza no camiño
que se debuxou coa posta en marcha coa Rede Galega de Preparación para a
Reutilización e Reparación ou Rede PxR, construír en Galicia un espazo
de intercambio de coñecementos e experiencias que permita o
desenvolvemento de proxectos colaborativos dirixidos á preparación para a
reutilización. O obxectivo último é darlle una segunda vida aos
obxectos e materiais domésticos e xerar menos residuos, defendeu.
A conselleira de Medio Ambiente recordou que tamén se puxo en marcha unha páxina web para facilitar á cidadanía en xeral información sobre a localización de
establecementos ou servizos onde se realizan actividades de preparación
para a reutilización e reparación ou reciclaxe, como o arranxo de
bicicletas ou de roupa, labores de carpintería, reparación de
electrodomésticos, puntos limpos… e no que tamén se inclúe información e
vídeos explicativos sobre reparacións que pode abordar cada galego no
seu fogar.
Por último, agradeceu o seu traballo ao CODI de Valga,
pois as súas actividades visualización a importancia de transitar cara o
modelo de economía circular, baseado no criterio multierre: repensar,
redeseñar, refabricar, reparar, redistribuír, reducir, reutilizar,
reciclar, recuperar; fronte ao caduco modelo lineal de
producir-usar-tirar, que consume grandes cantidades de recursos que, ao
acabar a súa vida útil, se converten en residuos cun importante impacto
ambiental.