Desde hoxe está aberto o prazo de
presentación de solicitudes para optar ás axudas, en réxime de
concorrencia non competitiva, de subvencións a concellos declarados
municipios turísticos e a xeodestinos de Galicia para a contratación de
persoal nas oficinas de turismo de maio a setembro, un mes máis que na
anterior convocatoria.
Como publica o Diario Oficial de Galicia (DOG),
no caso de solicitar a subvención, será requisito indispensable que o
concello conte coa declaración de municipio turístico galego e, no caso
de que solicitasen a subvención entidades que representen os
xeodestinos, deberá designarse o concello en que realizará o seu
traballo o persoal contratado obxecto destas subvencións.
O
persoal que se contrate deberá estar en posesión dalgún dos seguintes
títulos ou habilitacións: técnico superior en información e
comercialización turística ou técnico superior en guía, información e
asistencia turística; técnico en empresas e actividades turísticas, grao
ou diplomado/a en turismo ou equivalente homologado, ou ben contar coa
habilitación de guía de turismo, ou certificado de profesionalidade de
promoción turística local e información ao visitante.
Ademais,
como medida de fomento do emprego, o persoal que se contrate deberá
figurar como desempregado ou demandante dunha mellora de emprego no
Servizo Público de Emprego de Galicia. O procedemento de concesión
destas subvencións tramitaranse en réxime de concorrencia non
competitiva.
Orzamento de 450.000 euros
As subvencións
obxecto desta convocatoria contarán cun crédito global de 450.000 euros.
As actuacións subvencionables poderán acadar un máximo de axuda de
7.000 euros por entidade beneficiaria, sempre que os gastos
subvencionables sexan iguais ou superiores a este importe. No caso de
que os gastos non acaden os 7.000 euros, a contía da axuda será, como
máximo, o importe dos gastos.As entidades interesadas poden
consultar os detalles da convocatoria no DOG. O prazo de solicitudes
está aberto desde hoxe ata o 11 de marzo.