O Diario Oficial de Galicia
publica hoxe a convocatoria de subvencións para 2020 destinadas á
mellora e equipamento das instalacións e locais culturais de concellos
destinados a actividades de carácter cultural, por importe de 500.000
euros.
O obxectivo é dotar cos medios necesarios ás entidades
locais comprometidas coa acción cultural para que poidan executar as
súas programacións, así como contar coas oportunas infraestruturas que
lles permitan a adecuada realización das actividades culturais que
promovan, garantindo o servizo público que prestan á cidadanía.
Poderán
beneficiarse das subvencións previstas nesta convocatoria os concellos
de Galicia mediante solicitude individual. Para elo, deberán ser
titulares dos locais culturais para os que se solicitan as axudas e
estes deberán contar cunha programación cultural estable ao longo do
ano. Os concellos tamén poderán solicitar estas axudas mediante a
modalidade de xestión compartida.
Neste caso a agrupación deberá
xestionar o servizo de forma conxunta, que suporá un aforro de custos
respecto dos que implicaría a prestación individual, e tamén deberá ter
subscrito un convenio de colaboración entre todos os concellos
integrantes.
A axuda máxima por entidade local beneficiaria será
de 30.000 euros, que en ningún caso poderá exceder do 90% do orzamento
total do proxecto subvencionable. Este importe, ascenderá a 35.000 euros
cando se trate de solicitudes realizadas por agrupacións de concellos.
Serán obxecto de subvención as actuacións relativas ao equipamento e
moblaxe de locais, a realización de obras de reforma, ampliación,
modernización ou mellora de inmobles, así como a adquisición de
materiais técnicos vinculados ao desenvolvemento das accións culturais.
Cómpre
destacar que a percepción destas axudas é compatible con outras
subvencións para a mesma finalidade procedentes de calquera outra
Administración. O prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto ata o 20 de marzo na sede electrónica da Xunta de Galicia.