O
BNG presentou o pasado 2 de maio unha iniciativa solicitando ao
Goberno central coñecer que actuacións pensa desenvolver co obxecto
de investigar actuacións que afectan de forma directa á Xefatura do
Estado, ao fío de novas informacións sobre prácticas corruptas de
Juan Carlos de Borbón.
En
concreto, Rego fai referencia á confesión de quen foi o seu
“xestor” nesa operación, Arturo Fasana, diante da fiscalía
suíza en que -segundo recollen algúns medios- tería asegurado que
xestionou para Juan Carlos de Borbón o deposito nunha conta suíza
de 1,7 millóns de euros procedentes presuntamente do sultán
Bahrein.
A
Mesa do Congreso, a pesar de que a iniciativa revestía a forma de
pregunta ao Goberno sobre que actuacións pensan desenvolver ou
promover para esclarecer estas acusacións que poñen en cuestión
unha institución do Estado, rexeitou admitila a trámite. Unha
decisión que, a xuízo do BNG, mostra, máis unha vez, a pretensión
dos principais partidos estatais, incluídos o do goberno, de tapar a
corrupción da monarquía.
O
BNG destaca que estamos diante dunha sucesión de informacións que
comprometen a pouca credibilidade que queda a unha monarquía xa
profundamente desprestixiada. “Desde o punto de vista do BNG
-subliña Néstor Rego- non investigar este tipo de condutas que
afectan directamente á Xefatura do Estado é equivalente a amparalas
e mesmo a lexitimar socialmente a corrupción”. O BNG no entende a
decisión da Mesa e defende que “segue sendo necesario investigar,
tanto no ámbito político como xudicial para determinar as
responsabilidades e consecuencias a que houber lugar”.
Néstor
Rego conclúe
que, ademais de investigar, é necesario acabar xa cunha monarquía
que como institución “é anacrónica e impropia dun sistema
democrático, no que o Xefe do Estado debe ser elixido pola
cidadanía. Non é admisible en democracia unha Xefatura do Estado
vitalicia, hereditaria, que exerce “pola graza de Deus” e, neste
caso, sobre todo pola do ditador Francisco Franco”. Departamento de comunicación