A Xunta convoca unha nova edición dos Premios da Cultura Galega, uns
galardóns que teñen por obxecto apoiar o labor creativo en Galicia e a
súa expansión nos novos espazos que se abren na actualidade en
diferentes ámbitos. As oito modalidades convocadas son as de
Letras, Artes Plásticas, Artes Escénicas, Música, Audiovisual, Lingua,
Patrimonio Cultural e Proxección Exterior e as institucións e entidades
culturais ou profesionais relacionadas con cada unha delas poden
presentar as candidaturas durante os dous vindeiros meses contados desde
o día seguinte ao da publicación no día de hoxe
desta orde no Diario Oficial de Galicia. As solicitudes presentaranse
por medios electrónicos a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia e á mesma engadiráselle os méritos das candidaturas cunha xustificación descritiva.
O
xurado que vai valorar as propostas estará presidido polo conselleiro
de Cultura e Turismo e contará con representación do Consello da Cultura
Galega, das universidades do Sistema Universitario de Galicia, da Real
Academia Galega, da Real Academia de Belas Artes Nosa Señora do Rosario,
da Secretaría Xeral da Igualdade, da Dirección Xeral de Políticas
Culturais e de catro persoas de recoñecido prestixio no eido da cultura,
designadas pola Consellería. En cada unha das modalidades, os
Premios da Cultura Galega concederán un único galardón e non poderá
recaer máis dun recoñecemento na mesma persoa. O premio consiste nunha
escultura ou peza conmemorativa realizada por un artista galego de
recoñecido prestixio e nun diploma acreditativo.
Recoñecemento á excelencia creativa
Os Premios da Cultura
Galega recoñecen a excelencia creativa, a capacidade de intercambio, a
experimentación e a proxección da construción cultural de Galicia. Na
edición de 2019, os galardoados foron Xesús Alonso Montero, Soledad
Penalta, Monicreques de Kukas, Amancio Prada, a serie de televisión O sabor das margaridas, Pilar Ponte Patiño, a restauración do Pórtico da Gloria e o programa Galego en Londres.